Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
III SIMPOSIO INTERNACIONAL 'LETRAS NA RAIA'

Dúas beiras: cinema e literatura, Galiza e Portugal

'Letras na Raia' dedica a súa terceira edición ás relacións entre cinema e literatura. O sábado estrearase a tv movie A Mariñeira, de Antón Dobao sobre texto de Darío Xohán Cabana

Redacción - 12:09 23/11/2007

Letras na Raia analiza unha vez ao ano as relacións entre dúas beiras, entre Galiza e Portugal. Pero nesta ocasión cruza outra fronteira, a que une e separa cinema e literatura, con viaxes continuas nun e noutro sentido. O Pazo de Cultura de Pontevedra acolle venres e sábado a terceira edición do Simposio Internacional, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

O seu presidente, Cesáreo Sánchez, destacou a importancia de que o cinema galego beba "nas fontes" da literatura do país, contribuíndo a popularizar obras e autores, creando público para as nosas letras. En canto ás relacións entre Galiza e Portugal, base de Letras na Raia, Cesáreo Sánchez apunta que esa "fronteira inexistente, metafórica" faise máis débil ano tras ano, grazas en parte a encontros e inciativas como esta, e ás pontes que dende unha e outra beira da raia crean de continuo distintos colectivos e persoas. "É importante, ademais, que se estabelezan relacións persoais entre as novas xeracións dun e doutro país, de igual xeito que nós tiñamos relación con Heberto Helder ou Eugénio de Andrade", engade.

Estrea de 'A Mariñeira'
Ademais dos debates, no Simposio está programada cadansúa proxección con entrada libre no final de cada xornada. O venres exhibirase o filme portugués A costa dos Murmúrios, de Margarida Cardoso, adaptación do romance homónimo de Lídia Jorge. O sábado terá lugar a première da tv movie A Mariñeira, de Xosé Antón Dobao, sobre texto de Darío Xohán Cabana.

Nas xornadas trataranse principalmente as relacións entre os adaptadores e adaptados, así coma os puntos que unen e separan a cinema e literatura. Finalmente, reflexionarase sobre os novos formatos audiovisuais e a súa influencia na linguaxe literaria.

Entre os participantes destacan Margarida Cardoso, Xabier P. Docampo e Carlos Amil, que o venres debaterán sobre as adaptacións cinematográficas de textos literarios. Ou Camilo Franco, Jorge Paixão da Costa, Camilo Azevedo Mendes, Miguel Anxo Murado, Puri Seixido e Gonçalo M. Tavares, que o sábado tratarán as relacións entre cinema e literatura.


Documentos

4,57/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: