Medios informativos do sur do Miño préstanlle atención á proposta impulsada pola Fundación Vía Galego.
A información publicada polo 'Diario Digital'
Os medios de comunicación do país veciño están a amosar un grande interese polo feito de que as televisións portuguesas se poidan recibir en Galiza. A proposta da Fundación Vía Galego, que traduciu en iniciativa no Congreso dos Deputados o parlamentario do BNG Francisco Rodríguez, achou eco na práctica totalidade da prensa portuguesa.
As informacións reflicten o interese da poboación galega en poder asistir ás emisións lusófonas e o feito de que a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias pide que se garanta a recepción dos medios de comunicación de países veciños nunha lingua idéntica ou próxima. Esta situación xa se vai dar no Estado Español coa aprobación dunha lei que fará posíbel ver as televisións autonómicas de territorios limítrofes, aínda que non contempla a posibilidade de intercambiar emisións alén da raia.
Nos comentarios deixados polos lectores nalgúns xornais electrónicos portugueses, vese tamén o interese da poboación do país veciño en que a medida sexa recíproca, e tamén en Portugal se poida ver a TVG de xeito xeral.