Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
J. L. Guerín, cineasta

"En moitos casos non existe un público activo que axude aos cineastas"

José Luis Guerín é un dos Premios Cineuropa deste ano 2007. Con motivo da presentación do seu último filme, 'Na cidade de Sylvia', o director catalán falou con Vieiros sobre a súa concepción do cinema.

Lucía Iglesias - 19:15 21/11/2007

Enrolado nunha xira polos cinco continentes, e coa cámara na man, preparando o seu novo proxecto, o director e guionista catalán José Luís Guerín, achegouse até Compostela para recibir o Premio Cineuropa e para presentar a súa última película Na cidade de Sylvia. Despois do aclamado documental En construción, José Luis Guerín volve á ficción con esta película que aínda mantén as influencias dos grandes documentalistas das que se nutren todos os seus filmes.

Vieiros: Dende os inicios o cinema sempre mantivo un pulso entre o documental e a ficción, vostede que prefire, Lumière ou Meliès?

Necesito dos dous. É nesa tensión onde sinto o meu espazo máis natural. Nas películas dos Lumière sempre houbo unha posta en escena, unha fantasía, mentres que as obras de Meliès son pequenos documentos sobre como funcionaba o cinema da época, sobre como se actuaba e a forma que tiñan de levar a cabo un filme. Eu sempre fun moi sensíbel aos aspectos fantásticos dos Lumiére e ao real de Meliès. Penso que o cinema é unha reprodución fotográfica de algo que está diante de ti, e isto é algo que eu diferencio doutros xéneros cinematográficos como poden ser os creados por ordenador.

Cal é o motivo que o empurra a facer unha película, que é o que ten que ter unha imaxe para que decida filmala coa súa cámara?

Desexo. Non hai unha formulación de estratexia nin intelectual. O máis importante á hora de facer un filme é que sinta un desexo violento de facela e ás veces sufro porque non sei a que responde. Aparece unha imaxe na miña cabeza. Todas as miñas películas comezan cunha imaxe e teño que descubrir a idea que ocultan.

As súas películas sempre tiveron unha grande influencia de grandes documentalistas como Robert Flaherty. Agora volve ao cinema de ficción, pero que hai de documental neste último filme?

A min gústame ceder o poder, non sigo as mesmas normas que os directores clásicos que teñen todo moi mirado. Sírvome dos elementos da cidade, os que van xurdindo a medida que vou facendo a película, e tamén deixo moita liberdade aos actores. Quero que se apropien dos textos e que os fagan seus para que aporten riqueza aos filmes.

Ademais, os documentais e as películas de ficción teñen un principio común, ámbolos dous parten dunha situación común e eu espero a ver como se desenvolve.

Que lle resulta máis gratificante, realizar un documental, unha película de ficción ou ámbolos dous?

Os dous. O que me gusta é o intercambio. Aplico ao cinema documental a ficción e á ficción algúns principios do cinema documental. Trato de non asentarme en fórmulas estábeis e busco ir descubrindo cousas novas que enriquezan o meu cinema. Chegaron incluso a dicirme que os personaxes dos documentais estaban máis elaborados que os das películas de ficción.

Que opina do cinema galego?

Eu penso que Os homes de Arán de Flaherty é unha obra galega, así como tamén galego era John Ford. A verdade é que é unha asignatura que teño pendente.

Xa para rematar, que opina da organización de festivais como o de Cineuropa, que supón para un país?

Considero que este tipo de festivais son fundamentais á hora de educar ao espectador. En moitos casos non existe un público activo que axude aos cineastas a desenvolverse. Cineuropa en Compostela, ao igual que o CGAI na Coruña, ten unha programación ecléctica e atractiva que envexo cando estou en Barcelona.

Penso que nos últimos anos o cinema está sendo despoboado do centro das vilas. Antes o cinema era unha especie de “misa laica”, na que se reunían tódalas xentes dunha localidade e servía como lugar de socialización. Agora, as salas cinematográficas redúcense na maioría dos casos aos centros comerciais situados na periferia das cidades, co que se está a converter ao espectador nun mero consumidor de cinema, e en moitos casos os filmes estanse a converter nun produto para ese consumidor. Dende o meu punto de vista, penso que debemos perseverar en iniciativas como a de Cineuropa para acadar unha cultura cinematográfica e evitar que o cinema se converta tan só nun produto.


3,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: