A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza este venres na Serra de Outes unha Polafía, iniciativa que levará este outono e inverno por varios concellos do país. Pero que é unha polafía? Polafía é un neoloxismo, referido a unha reunión de carácter festivo con contidos literarios e musicais, baseados na tradición oral.
O termo ten a súa orixe na mestura de varias palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns...) relativas a xuntanzas semellantes ás que agora se recuperan. O obxectivo é poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego.
Trátase dun vello proxecto da AELG, coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e coa colaboración de diversas asociacións locais.
As polafías, cunha duración de 70 ou 80 minutos, compóñense dun divulgador ou especialista, que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados; e dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Porén, a parte máis importantante da velada, os verdadeiros protagonistas, serán os veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía.
Os veciños achegarán a meirande parte dos contidos, as historias e as cancións. Todo o que aconteza nas polafías será gravado e distribuído a través da web da AELG.O primeiro encontro terá lugar na Casa da Cultura de Serra de Outes este venres a partir das sete da tarde, coa particpación de Antón Castro (músico), Elixio Vieites, Elva Requeijo (narradores) e a dirección de Antonio Reigosa, que exercerá de divulgador. O sábado, ás sete da tarde, a polafía trasládase á Casa da Xuventude de Mondoñedo. O 24, o escenario será Vilar de Santos, e o 1 de decembro Cerdedo.