Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Nacho Varela, xerente do Consorcio Audiovisual Galego

"Galiza terá persoal moi cualificado para afrontar calquera produción audiovisual"

A Coruña acolle os días 15, 16 e 17 de novembro os II Encontros co Cine Galego, no que 25 produtoras galegas participantes darán a coñecer máis de 65 proxectos.

Redacción - 13:43 15/11/2007

Galicia Terra de Cine reúne na Coruña a un total de 25 produtoras galegas, co obxectivo de dar a coñecer aos medios de comunicación, compradores, programadores de televisión e directores de festivais as obras cinematográficas de capital galego que se proxectarán nas pantallas durante o vindeiro ano. Con motivo da celebración destes encontros, organizados polo Consorcio Audiovisual de Galicia e o Foro Galego do Audiovisual, o director-xerente deste Consorcio, Nacho Varela, analizou para Vieiros a situación do cinema galego actual.

Ten o cinema galego moito que ensinar de cara ao exterior?

Naturalmente. Somos país de trazos diferenciados e o cinema e o audiovisual en xeral, é a mellor ferramenta para transmitir esa imaxe, sostida sobre imaxes propias e singulares, que son finalmente as que valoran os mercados.

Que se está a facer na actualidade?

Accións promocionais diversas, sobre todo na área de fala latina, pero tamén asistindo a diferentes mercados acompañando aos diferentes produtores con filmes para promocionar. Igualmente, desde o Consorcio Audiovisual de Galicia promovemos o programa Raíces que facilita coproducións ás empresas galegas con Arxentina, Brasil, e con comunidades españolas como Cataluña, Andalucía… Téñase en conta igualmente que o Consorcio acolle a Galicia Film Comisión para facilitar e asesorar nas rodaxes que desexen facerse en Galicia.

Que aceptación teñen os produtos galegos na industria do cinema?

Danse as mesmas circunstancias que para produtos de terceiros países, que é onde encaixamos. Nun mercado dominado pola industria norteamericana, é moi difícil atopar pantallas para outros cines. Nestes intres hai filmes coproducidos por empresas galegas que están a dar moi bo resultado. Velaí Pérez, o ratiño dos teus soños, O neno de barro, La zona, El hombre de arena. O nivel está a subir de xeito moi notorio.

Cara quen vai orientada a produción?

Para todo tipo de públicos como é natural e para todo tipo de mercados. Como é obvio témolo moi complicado no mercado anglosaxón como o ten o cine español ou o europeo en xeral, pero temos grandes posibilidades de mercado na área latina.

Dende as produtoras apóstase polo persoal galego?

Sen dúbida e cada vez máis porque están a saír promocións novas das diferentes Escolas e Facultades. A medio prazo, Galicia terá persoal moi cualificado para soportar calquera produción audiovisual con plena solvencia.

Ante datos como a baixada do número de espectadores que acoden ás salas ou o incremento da piratería, cree que a industria do cinema pode estar en crise?

En absoluto. A crise é conxuntural e en todo caso afecta ao consumo de cinema nas salas cinematográficas porque se consume máis cine ca nunca en vías alternativas como o Home Cinema a través do DVD, Internet… O da piratería ten moito de asunto policial, tamén de aumentar a sensibilidade, e se cadra en que haxa unha correspondencia máis razoable entre prezo e produto, responsabilidade das multinacionais.

Que se pode facer para tentar saír desa crise ou que se está a facer dende o Consorcio?

O Consorcio non pode intervir no mercado, e son produtores, distribuidores e exhibidores, quen teñen que reflexionar. O Consorcio si pode artillar medidas de estímulo para os exhibidores, sobre todo periféricos, e mesmo conformar un circuíto alternativo no que podan ser apreciados os filmes de produción galega que atopan moitas dificultades para atopar sala. Está entre os nosos proxectos inmediatos.

Falando un pouco sobre o encontro, nesta edición tense previsto que participen un total de 25 produtoras, case o dobre do ano pasado, estase a consolidar a iniciativa?

No só se está a consolidar senón que se fai xa unha cita obrigada para dar a coñecer os proxectos de produción que se están a facer en Galicia, cada vez máis e mellor traballados. Galicia, Terra de Cine é unha iniciativa singular e única no Estado español, unha posta ao día do que se está a facer en Galiza.

Cales pensa que son os puntos fortes de Galicia, Terra de Cine?

A presenza de medios especializados estranxeiros, tamén de medios españois, e sobre todo a constatación de que o audiovisual galego está a moverse en termos de ambición e de competitividade.

Finalmente, cre que se están conseguindo os obxectivos marcados nas bases do encontro?

Que participen 25 produtoras nesta edición, dobrando as do ano pasado, é o mellor síntoma diso.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: