En abril de 1944 o consistorio homenaxeou ao ditador coas distincións de Fillo Adoptivo e de Alcalde Honorario.
O rexedor de Sada, o nacionalista Abel López Soto, afirma que nos vindeiros meses o executivo local vaille retirar a Francisco Franco os títulos de Fillo Adoptivo e Alcalde Honorario do municipio. Segundo lle explicou a Vieiros, no consistorio están a agardar os pormenores da Lei da Memoria Histórica para retirar as placas alusivas á ditadura que aínda quedan no concello e de paso revogar os devanditos títulos honoríficos. Cuestión que terá que ser aprobada polo pleno.
O Concello de Sada aprobou os títulos de homenaxe a Franco en abril de 1944. En 2003, o goberno daquela presidido tamén por López Soto decidiu mudar os nomes das rúas que facían referencia á ditadura. Agora o alcalde subliña que a revogación dos títulos que o ditador completará aqueles cambios.
Mais o caso de Sada non é nin moito menos o único na comarca da Coruña. Esta semana, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica solicitoulle ao Concello da Coruña que retirara simboloxía da ditadura das rúas e que revogara diferentes títulos honoríficos que a cidade lle concedeu a Franco.