O vicexefe de Gabinete, Jorge Rivas, foi atopado este luns inconciente e cun golpe na cara fronte a unha farmacia na periferia de Bos Aires.
Joge Rivas, é parlamentario en Arxentina
O vicexefe de Gabinete do goberno da Arxentina, Jorge Rivas, que é descendente de galegos e conforma un grupo informal de funcionarios e lexisladores da mesma orixe, sufriu unha hemorraxia cerebral por mor dun golpe que recibiu no pómulo dereito e atópase internado en estado de coma e con asistencia respiratoria mecánica, informou este luns o director médico do sanatorio Itoiz, da cidade de Avellaneda, onde se atopa internado. Rivas foi atopado este luns inconciente e cun golpe na cara fronte a unha farmacia na localidade de Lomas de Zamora (no sur da periferia bonaerense), e investígase se foi atacado por polo menos dous delincuentes que lle roubaron o auto que quedara estacionado xunto ao cordón coa porta aberta e as chaves postas.
En coma
Segundo o parte médico da clínica na que foi internado, Rivas tivo unha hemorraxia cerebral logo de sufrir unha lesión cortante no pómulo dereito, polo que continúa en terapia intensiva, "en coma e cunha deterioración sensorio importante". Aínda que fontes policiais negaron que o funcionario fora vítima dun asalto, o deputado Ariel Basteiro -tamén descendente de galegos- e outros portavoces de Rivas dixeron que, de acordo ao relato de testemuñas, dous delincuentes atacárono a golpes cando se dispuña a mercar nunha farmacia e fuxiron co seu auto. "Viña conducindo o seu propio auto porque el non utilizaba o vehículo oficial. Nese momento, sentiuse mal e baixou a pedir auxilio nunha farmacia", dixo Óscar González, secretario xeral do Partido Socialista, e fillo de galegos. Un mozo que traballa nunha estación de servizo próxima onde ocorreu o ataque sinalou á prensa que un compañeiro seu "viu que dúas persoas novas que viñan camiñando abordárono, golpeárono, e sacáronlle o auto que estaba parado fronte a unha farmacia. Aparentemente estaba comprando".
Sentíase mal
Esta versión tamén foi confirmada por Basteiro, quen dixo que Rivas estivera ceando con el e con outros dirixentes nunha sede partidaria e que nese encontro "comentou que tiña que comprar unhas pastillas e unhas cremas. Cando compraba, foi asaltado e golpeado por delincuentes que lle roubaron o auto". Porén, a hipótese policial apunta a que Rivas se baixou do auto porque se descompuxo e quedou inconciente. Ante esta situación, dous delincuentes que pasaban polo lugar e viron o auto aberto e coas chaves postas, roubáronllo. Na mañá deste martes, os policías dixeron que o coche Volskwagen Gol foi atopado intacto e nel tamén estaba un maletín con todos os papeis do funcionario. Ademais, a policía confirmou que os delincuentes non lle roubaron nin o seu anel nin unha cadea de ouro que tiña.