Dolores Bolay Cruz pode ser a primeira estranxeira á fronte da Cámara deste cantón. Esta socialista, loita por que os estranxeiros poidan votar nas eleccións xerais e nas cantonais.
Dolores 'Loly' Bolay, 57 anos de idade
Natural de Corme, no municipio bergantiñán de Ponteceso, mais residente en Suíza dende 1968, cando emigrou a ese país con 17 anos de idade, Dolores Bolay Cruz converteuse na primeira estranxeira que opta á presidencia do parlamento do cantón de Xenebra, na votación que se celebra este xoves.
Coñecida como Loly Bolay, cambiou hai dez anos a traxectoria profesional que desenvolvera na banca e como xefa de persoal nunha multinacional francesa especializada en produtos químicos pola política, cando saíu elixida como deputada polo Partido Socialista no cantón suízo onde reside.
Tras tres lexislaturas como deputada, poderíase converte en presidenta da Cámara de Xenebra, malia que os grupos de esquerda só contan cos 17 escanos dos socialistas e os 15 dos ecoloxistas dun total de 100 deputados, xa que se negociou o apoio co resto dos grupos.
Opinión negativa da inmigración entre os galegos
Bolay defende que no país helvético os estranxeiros poidan votar nas eleccións xerais e nas cantonais -o equivalente aos comicios autonómicos. Ao respecto considera que é un modelo que o Estado Español debería importar. Considera que un cidadán na diáspora "non está ao corrente do que pasa no seu municipio".
Por outra banda, afirma que os seus compatriotas "están moi ben vistos" en Suíza porque "van traballar", mais recorda momentos "difíciles" ao principio xa que atopou "moita xenofobia". Paradoxalmente, recoñece que na actualidade "hai persoas galegas cunha opinión negativa da inmigración", polo que insta á reflexión.