A Radio Galega e o CDG organizan o II Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico co fin de fomentar a escrita de textos dramáticos para a este medio.
A Consellaría de Cultura e a Radio Galega presentaron este luns a II edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, co fin de retomar a tradición das representacións teatrais a través das ondas cunha renovada perspectiva contemporánea. O fomento da escrita de textos dramáticos para a radio é outro dos obxectivos principais desta iniciativa, que pretende tamén facilitar o diálogo entre autores e medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e promover o encontro entre a audiencia.
O premio será fallado por un xurado composto por profesionais do mundo da escena e da radio. As obras que resulten finalistas dramatizaranse para a súa emisión por un equipo de actores e actrices coordinados polo Centro Dramático Galego (CDG) e sairán ás ondas durante todo o mes de marzo nos distintos programas da Radio Galega para posteriormente seren publicadas nun libro-cd. O nome do gañador virá determinado da man do xurado, mentres que a audiencia votará o Premio do Público. Cada un destes galardóns está dotado cun total de 3.000 euros.
O pasado ano ámbolos dous premios recaeron na obra O Bambam de David Rodríguez, que foi interpretada por Luís Tosar e Luís Zahera baixo a dirección de Lino Braxe.