Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
MENTRES O PARTIDO POPULAR ATACA A MORATINOS

Izquierda Unida anuncia ter probas da participación de Aznar no golpe de Estado en Venezuela de 2002

O coordinador xeral de Izquierda Unida, Gaspar Llamazares, afirmou que a coalición ten no seu poder "documentos e a información que acredita que o anterior Goberno dirixido por José María Aznar non só non condenou o golpe senón que colaborou para que cambiase o réxime democrático por unha ditadura".

Xurxo Martínez Crespo - 09:24 13/11/2007

Deste xeito, denunciou os "excesos de inxerencia" da diplomacia española do goberno de Aznar nos procesos electorais en América Latina e considerou que o Estado español non debe pretender "unha relación neocolonial con América Latina" senón de "igual a igual". Na súa opinión, unha relación de "mutuo respecto" beneficiaría a ambas as partes, para o que considerou preciso "parar a escalada verbal".

Llamazares pediu ao Goberno que "recompoña" as relacións con Venezuela e Nicaragua a raíz do "desencontro verbal" protagonizado polo Rei dos españois e os máximos mandatarios de ambos países, Hugo Chávez e Daniel Ortega, no XVII Cumio Iberoamericano e que esixa "responsabilidade social" ás empresas españolas instaladas en América Latina.

O Partido Popular deféndese acusando a Moratinos e esquecendo actuación de embaixador Viturro de la Torre

Ante estas declaracións, Gabriel Elorriaga, secretario de Comunicación do Partido Popular (PP), defendeuse culpando ao actual xefe da diplomacia española, Miguel Ángel Moratinos, de iniciar estas acusacións contra o Goberno de José María Aznar cando denunciou que este apoiara o golpe de estado de Venezuela en 2002, unhas afirmacións que, segundo el, "coinciden exactamente" coas palabras do presidente venezuelano, Hugo Chávez.

"O principal reproche que se lle escoitou a Chávez no Cumio e deu lugar ao incidente coincide exactamente cunha afirmación que fixo o señor Moratinos nada máis chegar ao Goberno. Foi Moratinos o que publicamente no Estado español, tanto no Congreso como na televisión, afirmou que o Goberno de Aznar estaba implicado no golpe de Estado de Venezuela. Esta é a orixe desta confrontación e a orixe de como rompe unha política de Estado brutalmente", asegurou en declaracións a Europa Press.

No entanto, Elorriaga non mencionou a actuación pública e notoria do embaixador español da época, Manuel Viturro da Torre, quen se reuniu e recoñeceu o goberno do ditador Pedro Carmona Estanga, apenas este instalouse no Palacio Miraflores. O secretario do PP tampouco fixo mención de que o presidente Chávez explicou suficientemente a conduta deste diplomático que quixo lexitimar a ditadura xunto ao tamén embaixador de Estados Unidos (EUA), Charles Shapiro. Así mesmo, tampouco quixo referirse á actuación posterior do ex presidente Aznar, quen non perdeu oportunidade para atacar e arremeter duramente contra o goberno venezuelano, algo que denunciou de xeito veemente o presidente Chávez no Cumio e confirmada por outras delegacións presentes en Chile.


5/5 (7 votos)



O ditador Pedro Carmona Estanga e o embaixador español de orixe galega Viturro de la Torre
O ditador Pedro Carmona Estanga e o embaixador español de orixe galega Viturro de la Torre