Manel Somoza, arquitecto, vén de publicar o seu primeiro libro: "Álvaro Siza. Conversas no obradoiro", o primeiro froito felizmente alumado do proxecto editorial Verlibros.
Manel Somoza
A cafetería do hotel OMM (Barcelona) mestura aromas e voces de xentes que se deixan agarimar polos sofás e por certo gusto oriental. Manel Somoza, de Bormio, preto de Catoira, aplica a mirada analítica a persoas, texturas e volumes. Apreixa a atmosfera do lugar, como ser afeito a pispar paisaxes, bosquexar ambientes.
Lito Caramés: O motivo de escribires este libro?
Manel Somoza: A idea central foi tratar, despois de levar anos de relación con Siza, de sistematizar algunhas das súas ideas e pensamentos principais dentro do mundo da arquitectura. E da vida. Ao fin a arquitectura é vida. Siza é vago para escribir. Non o é para outras manifestacións, por exemplo o debuxo. Sempre está debuxando. No libro hai 33 deseños que foi facendo mentres falabamos no seu obradoiro de Porto. Tense dito moitas cousas sobre a arquitectura de Siza, e máis sobre as súas obras, pero faltaba deixar falar a el, a Álvaro Siza. Foron moitas horas de conversa, ao longo do ano 2005. Aproveitamos os domingos pola mañá para parolar diante dunha gravadora coma esta.
Manel Somoza, Director da Área de Urbanismo do concello de Sabadell, conserva o mirar de cativo de entre río e ría. Ollos guichos para ver pasar a troita e mais o muxe. Antes de contestar bota a voar ollos e mans -espiral decidida- como querendo apreixar as verbas no ar, na atmosfera que mornea a tarde de outono.
L.C.: Como comezou a relación de Siza contigo e con Galiza?
M.S.: Comezou a un tempo. Cando decidiu facer o proxecto para o polideportivo da Illa d'Arousa, a primeira cousa que facía en Galiza, díxome que quería que colaborase con el nese proxecto.
Si. Manel Somoza é o responsábel de que Siza teña comezado a traballar en Galiza. O alcalde da illa de Arousa pediulle a Manel que lle fixese un proxecto para un complexo deportivo que iría nuns terreos forestais que hai entrando na illa, á esquerda da ponte. O seu Manel díxolle que non lle parecía ben facer una actuación arquitectónica nesa zona, ao pé da ría... A rogos do alcalde acabou por dicirlle que quizais alguén de Porto, Álvaro Siza Vieira, querería facelo. O Siza quere ver o lugar antes de decidir e o alcalde dille: "pois veña e a ver se vostede se atreve a facelo". Xa na illa o portugués interésase polo que comentou o edil sobre o atrevemento e o alcalde responde que esas foron as palabras dun arquitecto...
M.S.: E Siza quixo saber quen era ese arquitecto, pediulle o teléfono ao alcalde e chamoume a Barcelona para dicirme que quería que colaborase con el no proxecto para a illa.
Siza descobre en Santiago -cando mozo, viaxando coa familia- a intervención restauradora que se fixera no Hostal dos Reis Católicos: amplas superficies de vidro dentro da pedra centenaria. O novo e o vello. Mal sabía el que, tempo despois, acabaría facendo o mesmo diante do convento de Bonaval co deseño e execución do Centro Galego de Arte Contemporánea.
M.S.: Siza tivo moitos problemas co proxecto para o Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago. Non querían que o edificio viñese adiante, á rúa. E Álvaro Siza tiña claro que o que había que preservar era aquel fermoso xardín, aínda que o novo edificio fose a escasos metros do convento de Bonaval. Aí foi importante a decidida aposta de Xerardo Estevez, o daquelas alcalde de Santiago, polo proxecto de Siza.
De fondo soa algunha peza de jazz. As palabras de Manel chegan coas notas da improvisación. Concordan. O dicir e as sonoridades converxen na liberdade musical.
L.C.: Pero Siza tamén ten relacións profesionais con Cataluña.
M.S.: Moitas. Xa fixo, fixemos, a Facultade de Educación da Univesidade de Lleida, agora estamos a facer un grupo de casas en Manresa, rematamos hai pouco o polideportivo de Cornellà, andamos a facer un cámping en Montroig. Moito traballo.
Somoza leva máis de vinte colaborando con Siza. Por iso o coñece tan ben. No libro Álvaro Siza. Conversas no obradoiro tanto se sinte a arquitectura segundo Siza como a arquitectura de Somoza. Manel vai preguntando, pescudando no Siza que risca co bic nos papeis mentres fala o fío que faga falar a quen quería ser escultor e ten o obradoiro mirando ao Douro. A portada do libro é un deseño de Siza, o que se mira desde a fiestra do seu estudo: os montes, o río e os reflexos na auga. Agora a conversa non é a carón do Douro, é preto do Mediterráneo. Somoza-Siza, Atlántico-Mediterráneo. Viaxe de ida por volta, espiral de vontades e espazos.
L.C.: O seu Siza recoñece influencias de arquitectos de por aquí, poño por caso Gaudí?
M.S.: Recoñece débedas coa escola de arquitectura de Barcelona (anos 60/70). El quería ser escultor, e o pai pretendía que estudase algunha cousa de máis proveito. Nunha viaxe familiar a Barcelona descubriu que as cousas que fixera Gaudí tiñan fiestras e portas, pero que estaban preto da escultura. A arquitectura como expresión plástica. E iso axudouno a aceptar a decisión paterna, ser arquitecto.
L.C.: Traballar en Portugal e en Galiza é moi diferente a traballar en Cataluña?
M.S.: A Siza non lle agrada nada esa etiqueta que se lle pon a algúns arquitectos: contextualistas. Cando Siza pensa en elaborar un proxecto para unha obra, o primeiro que fai é estar no sitio, pasear, ver, sentir. Facerse preguntas e tratar de respondelas: a historia, a cultura, a xente, o clima, a luz dese lugar. A isto Siza chámalle a atmosfera, todo o que ten que ver co espazo onde se intervirá arquitectonicamente.
L.C.: Que che preocupa hoxe no mundo da arquitectura?
M.S.: A arquitectura de masas. Outra das teimas do libro era presentar a Siza como persoa, como arquitecto sen máis. E non como o que non é, un arquitecto estrela. Hoxe as cidades, os seus mandatarios buscan moito aos chamados arquitectos estrela para que lles deseñen edificios estrela. Eses edificios serán en pouco tempo os polos de atracción do chamado Turismo Cultural. É máis, chégase a extremos como dicir "pór no mapa": O Guggenheim puxo Bilbao no mapa. Iso fai moito mal á arquitectura. E á cultura. Que ocorre coa Sagrada Familia? Como se pode vender como obra de Gaudí o que se está a facer agora, formigón revestido de pedra?
O Manel Somoza marcha. Ten unha xuntanza cuns clientes. Leva feitas moitas obras: bibliotecas, centros deportivos, urbanizacións. Desde o seu gabinete Aresta traballa e segue colaborando con Álvaro Siza, o seu amigo. O libro Álvaro Siza. Conversas no obradoiro é un gozo de deseño, unha viaxe de dous miñotos, de alem e de aquem Miño, con críticas olladas ao mundo globalizado no que nos mandan vivir.