Este ambicioso programa de promoción e divulgación ciclista percorrerá, entre o 9 de novembro e o 27 de abril, 24 concellos das catro provincias galegas.
A delegada provincial de Cultura e Deporte, Milagres Lantes Seara inaugurou na Coruña o programa Ciclismo no meu concello, unha actividade que promove a Fundación Ciclismo Galego e o Karpin Galicia en colaboración coa Dirección Xeral para ou Deporte, a Federación Galega de Ciclismo, centros escolares e clubs ciclistas de Galicia.
Milagros Lantes salientou a importancia do programa Ciclismo no meu concello, que consta da exposición 120 anos de ciclismo galego e dun circuíto de ciclismo escolar "achega a historia do ciclismo galego, até agora privilexio duns poucos, á sociedade en xeral e promocionará a bicicleta entre os máis mozos".
O programa "Ciclismo no meu concello" contará cos ciclistas do KGZ
Segundo os organizadores, Ciclismo no meu concello é o "programa de promoción e divulgación ciclista máis ambicioso de cantos se formularon até o momento en Galiza". En algo máis de cinco meses ofreceráselle á poboación galega a posibilidade de mellorar a técnica ciclista de mozos escolares galegos (rapaces e rapazas de entre os 6 e os 15 anos).
A exposición 120 anos de ciclismo galego permanecerá na Coruña do 9 ao 22 de novembro, e a primeira xornada do Circuíto de ciclismo escolar celebrarase nesta cidade o sábado 17 de novembro de 11:00 a 13:00 horas nos xardíns de Méndez Núñez. Esta actividade estará dirixida polos ciclistas do Karpin Galicia Ezequiel Mosquera e Gonzalo Rabuñal.
Os concellos que percorrerá este programa nunha primeira fase son: A Coruña, Maceda, Padrón, Pontedeume, Fene, Boiro, Teo, Marín, Carballo, Santiago, Pontevedra, Ponteareas, Cerceda, Porriño, O Rosal, A Cañiza, Lugo, Monforte, Ribadeo, Ourense, Betanzos, Carballiño, Verín e Vigo.