A edición do ano 2007 da famosa publicación desvela, entre outras 1.500 novidades, que a xente de Venezuela é a máis feliz do mundo.
O 10 de novembro de 1951, unha discusión nun pub irlandés sobre cal era a ave de caza máis rápida de Europa levou a Hugh Beaver, daquela director xerente da cervexeira Guinness, a impulsar a creación do famoso libro dos récords. E este xoves, 8 de novembro, conmemorouse o día das marcas mundiais con actos por todo o planeta.
Se xa cada día hai miles de persoas que tentan superar algún récord, incluso do máis absurdo, este xoves aumentaron as convocatorias e, asemade, lanzouse a nova edición do libro, un dos máis vendidos do mundo. Entre os feitos que sobresaen este ano atópase o do país máis feliz do mundo, que segundo unha enquisa é Venezuela, cun 55% da poboación que se considera “moi feliz”.
Outro dos 1.500 novos récords rexistrados durante 2007 é a hamburguesa máis grande do mundo, que se pode mercar nun local de Chonburi (Tailandia). Por apenas 16 euros e medio pódese mercar un produto que pesa 35 quilos e que se se come en menos de tres horas sáelle de balde ao consumidor.
O número de teléfono máis caro do mundo é o 666-6666 de Qatar, adquirido por 2,75 millóns de euros por unha persoa anónima nunha poxa benéfica. E un home de Pontiac (Michigan, EUA) ten as unllas máis longas do mundo: contando as dúas mans, miden en total 931 centímetros, despois de 25 anos sen cortalas.