De 28 asentos posíbeis, a voz galega no Congreso quedará en tan só 23 escanos, queixouse Francisco Jorquera, senador do BNG. Desde o goberno español admiten o problema, aínda que non explican se haberá vontade de corrixilo.
Nos últimos quince anos Galiza foi perdendo progresivamente representación no Congreso, desde un total de 27 asentos até os 23 que terá no momento en que se confirme, nas próximas eleccións xerais, que A Coruña perde un dos seus representantes.
O asunto foi tratado esta semana no Senado, ao fío dunha pregunta realizada polo senador galego Francisco Jorquera, quen lle pediu opinión ao goberno español sobre o paradoxo de que Galiza perda escanos ao tempo que o seu censo electoral aumenta. O senador do BNG reclamoulle ao executivo español medidas para que sexa o censo electoral real e non o censo de residentes o que se utilice como criterio para estabelecer o número de deputados.
"É unha incongruencia legal e política que lle afecta gravemente á saúde da democracia", laiouse Jorquera, sinalando que mentres os estranxeiros residentes non poden votar están contando igual á hora de asignar asentos no Congreso. Pola contra, os galegos no estranxeiro si poden votar pero paradoxalmente non son tidos en conta á hora de distribuír eses escanos.
O ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, recoñeceu que sería necesario debater o asunto, pero sinalou que "forma parte da Lei de Réxime Electoral Xeral, pactada por todos os grupos", e que debería ser afrontada cun debate similar. "Non digo que non sexa un debate pertinente, podemos telo, pero fagámolo ben e entre todos, para non facernos trampas no solitario", afirmou Rubalcaba.
Consenso no Parlamento para mudar a situación
A demanda fora tratado con éxito en días pasados na Cámara galega. A iniciativa fora levada ao Parlamento por Iago Tabarés, deputado do BNG e voceiro de Emigración, e aprobada unanimemente con emendas de PPdeG e PSdeG. Tabarés sinalou que o peso de Galiza "non se corresponde co seu peso electoral" e advertiu da "dubidosa constitucionalidade" desa situación "prexudicial" para o país. "É degradante para os galegos residentes no exterior e a súa condición de cidadáns", laiouse.
A iniciativa solicítalle ao Estado que dea os pasos necesarios, vía reforma electoral, para que se garanta o cómputo da cidadanía no exterior para a distribución de escanos entre cada circunscripción electoral, e tamén para fixárense o número de representantes das corporacións locais e os escanos de cada comunidade autónoma na Cámara Alta.
Subliñou Tabarés que de feito a lexislación xa non fala de "residentes ausentes" senón de "cidadáns no exterior". Na súa opinión, iso debe implicar dereitos que deben aparecer reflictidos no cálculo de necesidades, "no reparto do fondo de suficiencia e na distribución de representantes, senón falariamos de dereitos en precario". Lembrou ao respecto o paradoxo de que concellos como A Rúa ou Irixo perdan representantes ao tempo que gañan electores.