Marcos Arruda, coordinador xeral do Instituto de Políticas Alternativas para o Cono Sur de Brasil -PACS-, vén dende o Brasil para falar en Vigo, este martes ás 19.30, e en Ferrol o mércores.
Novembro chega con forza ao Club Internacional de Prensa: o Simposio Pobre Mundo Rico trae ás sete cidades galegas unha trintena de persoeiros referenciais na loita contra a pobreza e a desigualdade.
A "democracia", segundo Arruda, é un eufemismo que permite, en nome do "libre" mercado, dominar petos, corazóns e mentes, con mitos como que o sistema fará posible globalizar ou nivel de consumo, ou o dogma de que o mercado se autorregula. A socioeconomía solidaria e ou socialismo democrático e participativo son camiño de auto liberación que afectan ás prácticas de vida e ás relacións entre persoas, comunidades, os pobos, e todos estes coa natureza.
Profesor universitario e consultor en temas macro socioeconómicos (globalización, políticas de desenvolvemento local, nacional e global, institucións financeiras multilaterais, plan e autoxestión, economía solidaria) e en metodoloxía de desenvolvemento comunitario (plan, xestión, avaliación,...), Arruda coordina no Instituto de Políticas Alternativas para o Cono Sur, que axudou a crear en 1986. Entre 1986 e 1995 o PACS era un dos catro equipos do PRIES -Programa Rexional de Investigacións Económicas e Sociais-, situados na Arxentina, Brasil, Chile e Uruguai.
Ecoloxía: cambio climático e crise enerxética
Xa ás 17.00, o director de Greenpeace en España, Juan López de Uralde, o de Ecoloxistas en Acción, Ramón Fernández Durán, e o do CEIDA, Carlos Vales, falan sobre as posturas da organización nunha mesa que leva por título "A influencia do cambio climático na pobreza: alternativas".
Juan López de Uralde (Donosti, 1963), ten un mestrado en xestión de ONGs en ESADE. Comezou a súa defensa da natureza no no Consello da Xuventude de España. No 86 nomeárono secretario xeral da Federación CODA (Coordinadora de organizacións de defensa ambiental), e o ano seguinte comezou a traballar en Greenpeace, como responsábel de campañas de contaminación. Leva seis anos como director da entidade no Estado.
Ramón Fernández Durán, enxeñeiro de camiños e profesor colaborador en varias universidades. Escribiu libros como Transporte, Espacio y Capital, El Movimiento Alternativo en la RFA. El Caso de Berlín, La Explosión del Desorden. La Metrópolis como Espacio de la Crisis Global, ou FMI, BM y GATT, 50 Años bastan.
E Carlos Vales, catedrático de Ciencias Naturais, é especialista en educación ambiental, e en conservación e xestión da biodiversidade e áreas protexidas. Membro da Xunta Reitora do Parque Natural das Fragas do Eume, da Área de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade do Consello da Cultura Galega e da Comisión Internacional de Educación e Comunicación da Unión Internacional de Conservación da Natureza-UICN, actualmente dirixe o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia - CEIDA.