O director da Cátedra dedicada ao pensador galeguista lembrou a Vieiros o labor realizado por Bóveda a prol da liberdade e da democracia no noso país.
Profesor na Universidade de Vigo, investigador, escritor, articulista e un dos creadores da Fundación Alexandre Bóveda, Álvaro Xosé López de Mira acaba de converterse no director da Cátedra coa que se pretende pór de manifesto a valía política e económica deste imprescindíbel personaxe da historia de Galiza.
Vieiros: Como chegou a asumir a responsabilidade de director do proxecto?
Álvaro López de Mira: O meu nomeamento foi unha iniciativa dos compoñentes da Cátedra, da súa Comisión de Seguimento que está formada por varias entidades: a Consellaría de Cultura, o Concello de Pontevedra, a Universidade de Vigo, Caixanova e a Fundación Alexandre Bóveda, da que son un dos seus creadores. Dende o nacemento do proxecto xa se estivo a barallar que sería eu quen asumiría este posto, que máis que un posto, é un traballo.
V.: E falando deste proxecto, cales son os obxectivos que pretende acadar?
A.L.M.: O obxectivo primordial é o de remarcar a figura de Alexandre Bóveda, pero non pretendemos recuperar tan só as súas memorias e os seus traballos, senón tamén a influencia que tivo o seu pensamento na actualidade e a vixencia que ten a súa figura como economista, político ou nacionalista, entre outros aspectos.
Como pensa vostede que influíu na actualidade?
Para explicar isto vou propoñer un siloxismo: neste ano 2007 podemos comprobar que en Galiza o progreso foi enorme dende que temos autonomía. Esta autonomía foi posíbel grazas ao Estatuto asinado en 1932 e no que Alexandre Bóveda xogou un papel esencial. Deste xeito, a conclusión sería que Bóveda facilitou a situación na que se atopa Galiza actualmente. Débeselle un grande tributo e nunca foi ben valorado.
Podería dicirse que Bóveda é o grande esquecido da historia política de Galiza?
A verdade é que nunca se lle deu a importancia que merece. El non tivo a culpa de morrer como o fixo, e non poder continuar co seu labor político. Dende esta Cátedra pretendemos dar un pulo á súa obra e sacalo de novo á luz. Alexandre Bóveda era un activista político, e non só un mártir.
Centrándonos agora nas actividades da Cátedra, está prevista a creación dun Centro de Documentación, que ten de novidoso?
Este centro pretende sistematizar todos os documentos relacionados con Alexandre Bóveda, o que queremos é dixitalizar todos estes datos, para facilitarlles o acceso aos investigadores que teñan interese en afondar na vida do galeguista. Trátase dunha actividade pioneira, xa que, a pesar de que a familia de Bóveda foi cedendo documentos que axudan a crear un marco arredor deste personaxe, non existía un proxecto sistemático que reunise todo o contido, nin sequera tiñamos unha biografía completa sobre el.
Con respecto aos investigadores, está desenvolvida a investigación no ámbito galego?
Depende do eido no que se traballe. Por exemplo no mundo do dereito non se dedican a tratar temas galegos, mais noutros ámbitos como a historia si existe unha maior divulgación e sobre todo máis prestixio e coñecemento social. No meu campo, o das ciencias sociais, tampouco hai demasiados traballos, aínda que hai que admitir que nos últimos anos se está mellorando moito. As axudas institucionais fanse moi necesarias, debido a inexistencia dunha cultura empresarial que apoie aos investigadores.
Dende este proxecto está prevista a entrega dun premio de investigación...
Si, premiaremos aos mellores traballos en ciencias sociais, políticas ou económicas escritos en lingua galega. Actualmente é un dos premios mellores dotados do panorama, e garante a calidade debido á composición do xurado que o outorga, formado por especialistas dos diversos eidos das ciencias sociais.
Unha serie de conferencias completan as actividades da Cátedra, que liñas expositivas se van seguir á hora de levalas a cabo?
En primeiro lugar imos realizar a presentación da Cátedra. Pretendemos que a data desta primeira xornada coincida co 75 aniversario da aprobación do Estatuto de Autonomía, entre o 17 e o 19 de decembro deste ano. E xa cara o 2008 pretendemos crear unha actividade congresual máis ambiciosa, facer fincapé na faceta económica de Alexandre Bóveda, que é a menos tratada da súa traxectoria, e non por iso a menos importante. Tentaremos tamén poñer de manifesto a asombrosa capacidade premonitoria sobre o posibilismo político de Bóveda na época na que lle tocou vivir.
Xa por último, como cre que pode axudar esta Cátedra á cultura política galega?
Abarcamos unha área moi ampla, o noso proxecto está rodeado dun simbolismo que transcende as actividades que poidamos levar a cabo. Gustaríame resumilo nunha frase coa que Ánxel Fole describía o galeguismo: o noso proxecto baséase no “interese intelixente polas cousas de Galiza”.