Os dous nadadores parolímpicos galegos romperon en Sheffield (Reino Unido), catro recordes nunhas poucas horas.
Imaxe de Chano Rodríguez, atleta paralímpico en Atenas 2004 / Foto: g-olimpica.com
Os dous nadadores estaban dentro da selección española e viaxaban co Comité Parolímpico Español ao campionato británico de piscina curta (25 metros).
Rodríguez e Cimadevila foron os nadadores máis destacados do campionato, ao bater o primeiro tres marcas mundiais, e o segundo dúas. Os galegos demostraron o ben que anda a selección nacional parolímpica cando xa queda menos para as Olimpiadas de Beixín 2008.
Chano Rodríguez volveu con dúas mellores marcas mundiais
O vigués obtivo a mellor nos 50 e nos 100 metros libres a nivel individual, e logo tamén en relevos do 4x50 metros estilos. Tamén trouxo para a casa a medalla de prata en 200 metros libres.
Rodríguez dixo, despois da competición, que agarda que estes resultados poidan ter continuidade en Beixín, aínda que a competición semella complicada, xa que eles levan pouco tempo gozando das bolsas ADO, e teñen que compaxinar os adestramentos co seu traballo.
A marca histórica de Cimadevila
O pontevedrés Pablo Cimadevila tamén trouxo as mellores marcas e medallas para a casa en 200 metros estilos, unha distancia na que é o terceiro do mundo.
Tamén conseguiu Cimadevila a medalla de ouro nos 100 metros de costas, e a de prata en 100 metros braza.
O campionato británico serviulles aos galegos para saber como andan as cousas na elite internacional de natación, xa pensando nas Olimpiadas do ano que vén.