As actividades deste ano inclúen, como novidade, unha obra de teatro sobre a nanotecnoloxía.
Este luns arrancan en todo o país as máis de 180 actividades da Semana da Ciencia 2007, que en realidade durará quince días. A Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria coordina un programa no que colaborarán medio cento de entidades. Como novidade, este ano, representarase unha obra de teatro científico.
A nanotecnoloxía será o fío condutor da montaxe da compañía Chévere, titulada Alá no fondo hai sitio abondo. A obra, interpretada por Clara Gayo, Pepa Yáñez e Arantxa Villar, ambiéntase no século XIX, época na que se mesturaban a ciencia, a maxia e o espectáculo, para achegarlles ao público, especialmente alumnado de primaria e as súas familias, os conceptos da nanociencia e espertar a súa curiosidade. A obra representarase en museos da Coruña, Lugo, Vigo e Ourense.
O director xeral de I+D+i, Salustiano Mato de la Iglesia, explicou que a semana é un fito de ámbito europeo para fomentar a implicación entre a ciencia e a sociedade, mediante exposicións, obradoiros, xornadas de postas abertas, concursos, feiras e cine, entre outras actividades.
Toda a programación pódese consultar na web da Semana da Ciencia 2007.