Toda a xornada do sábado está dedicada ao movemento nado hai 13 anos que renovou a cultura do país.
O sábado 3 de novembro resucita en Chantada o festival Castañazo Rock, paradigma do bravú, movemento nado hai trece anos na aldea de Viana. A parte musical achégana os concertos de Motor Perkins, Cuchufellos, Ruxe Ruxe, Os tres trebóns, Rastreros e Zënzar, a partir das nove da noite no mercado gandeiro. Pero a xornada está dedicada por completo ao bravú.
Ás cinco da tarde, algúns dos principais expertos no movemento cultural participan na mesa redonda Bravú: pasado presente no futuro: Manuel Rivas, Santiago Jaureguízar, Alberto Casal, Xavier Valiño, Emilio López, Xurxo Souto, Suso Iglesias, María Yáñez e Xosé Manuel Pereiro, moderados por Belén Regueira como moderadora. Despois preséntase un disco de homenaxe aos Diplomáticos de Monte Alto, 120 capadores, no que participaron diversos grupos galegos.
A parte festiva póñena a charanga Os Veraneantes, unha feira con polbo, carne, pan e viño, un magosto popular e a proxección de vídeos musicais de grupos míticos do rock bravú, todo presentado por Carlos Blanco. Ademais, desenvólvese a primeira feira do disco galego, un punto de encontro de artistas, produtoras e distribuidoras co público, con acceso de balde.