Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No marco do proxecto Clicgal

Medio ambiente publica os estudos sobre cambio climático en Galiza

Xa se poden consultar na web os resumos das investigacións realizadas por persoal experto, no marco do proxecto Clicgal: as consecuencias do cambio climático sobre o clima, o medio mariño e o terrestre e a economía.

Redacción - 09:45 03/11/2007

O proxecto forma parte do Plan Galego de Acción contra o Cambio Climático, que puxo en marcha a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible para fomentar a investigación e a sensibilización sobre este tema e paliar os efectos do cambio climático.

Estanse a realizar diversos estudos multidisciplinares de carácter transversal, para integrar á vez a información e a experiencia de diversas institucións e centros de investigación. Estas investigacións do proxecto Cligal abordan as consecuencias do cambio climático no ámbito terrestre e no mariño, e xa as podemos consultar na web do Sistema de Información Ambiental (SIAM), á que se pode acceder por medio da da Consellaría de Medio Ambiente.

As pescudas estrutúranse en catro áreas: a meteoroloxía e o clima, o medio terrestre, a oceanografía e o medio peláxico, e a economía e os efectos nos sectores productivos. Os grupos de traballo, coordinados tecnicamente pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, están integrados por persoal das universidades de Vigo e Santiago, da unidade de Meteogalicia e o Cinam, do Centro Forestal de Lourizán, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, do Centro de Investigacións Mariñas, da Consellaría de Pesca, e do Instituto Español Oceanográfico.

Información dispoñíbel

No ámbito do clima podemos coñecer as cifras relacionadas coas precipitacións e as temperaturas dende 1950, e analizouse se o cambio na distribución intranual da chuvia repercutiu en variacións na frecuencia dos días de chuvias, ademais da frecuencia anual e estacional de temperaturas extremas máximas e mínimas, e as tendencias dos valores extremos diarios da temperatura e precipitacións.

En canto a ecosistemas mariños, poderemos coñecer os resultados das investigacións que demsotran como afecta o cambio climátrico a especies como sardiñas e anchoas; as variacións dos ventos do norte nos últimos anos; o aumento da temperatura das augas superficiais dos océanos debido ao quecemento global... E no ámbito terrestre, unha avaliación da seca meteorolóxica a escalas bimensuais.


4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Gráficas da frecuencia de días coas temperaturas máximas. Fonte: Meteogalicia
Gráficas da frecuencia de días coas temperaturas máximas. Fonte: Meteogalicia