Esta fin de semana conmemórase o 25 aniversario da televisión en galés, nacida tres anos antes que a TVG, o 1 de novembro de 1982.
Cunha conferencia en Aberystwyth (Gales, ou Cymru en galés) celebrarase, esta sexta feira e o sábado, o vixésimo quinto aniversario da Sianel Pedwar Cymru (S4C), o canal televisivo galés, nacido tres anos antes que a Galega, (que comezou as súas emisións o 25 de xullo do 1985).
O mesmo día que nacía a TV en galés lanzábase o Channel 4 británico. Daquela a S4C tiña unha programación en galés no horario de máxima audiencia, e en inglés o resto. Hoxe en día é a principal aposta mediática nesta lingua.
Pero non é a única
Existen, ademais do S4C, emisións radiofónicas e televisivas da BBC en galés, dende que se abrise a veda en 1934, ao publicarse o semanario Y Cymro. Na actualidade están a traballar no lanzamento dunha outra cabeceira, o diario Y Byd.
Mais de todos os medios, o que tivo un impacto cultural, lingüístico e económico meirande para esta lingua celta, falada por 600 mil persoas, é a S4C.
Tratamento igualitario para o galés e o inglés
O estatuto da lingua de Gales réxese pola Welsh Language Act de 1993, que dispón que se trate publicamente de igual xeito ao galés e ao inglés. Segundo publicaba esta sexta feira o xornal electrónico catalán Vilaweb, dende que está no poder a Asemblea Nacional Galesa, formada por unha coalición de laboristas e nacionalistas do Plaid Cymru dende xuño pasado, é máis que factíbel que se adianten as tarefas pola oficialidade da lingua galesa.
Hoxe en día, alén do País de Gales, o galés fálase en Inglaterra (133 mil falantes, dos que 50 mil moran na área de Londres), os EUA, Canadá, Australia, Nova Celandia e a Arxentina, donde hai unha comunidade galesa dende 1865 na Patagonia.
Así se viu no informativo da S4C o partido entre as seleccións galesa e vasca: