A sala do penal insiste contra a aposta polo diálogo do lehendakari Ibarretxe e dos socialistas Patxi López e Rodolfo Ares, por mor das súas xuntanzas con membros de Batasuna.
Sen acusación particular e coa Fiscalía partidaria de aparcar o asunto, o maxistrado Roberto Sáinz, da Sala Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, teimou este martes en seguir co proceso aberto despois das xuntanzas do presidente vasco, Juan José Ibarretxe, e dos representantes do Partido Socialista de Euskadi, PSE, Patxi López e Rodolfo Ares, con membros da formación ilegalizada Batasuna.
No marco da aposta polo diálogo en favor do proceso de paz en Euskadi e no contexto da tregua da ETA, Ibarretxe tivera xuntanza con representantes de Batasuna en abril de 2006 e xaneiro de 2007. No mesmo escenario, en xullo de 2006, os dirixentes socialistas reuníronse con líderes de Batasuna. Arnaldo Otegi, Pernando Barrena ou Olatz Dañobeitia foron algúns dos interlocutores políticos nestas reunións.