Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Leva defendendo a iniciativa dende 1998

O MDL apoia a campaña da AGAL a prol do ensino do portugués nos institutos

A entidade considera que a escolla como segunda lingua estranxeira traería importantes beneficios para o estudantado do país.

Redacción - 11:18 29/10/2007
Imaxe da campaña do MDL

Imaxe da campaña do MDL

O Movimento Defesa da Língua (MDL) posiciónase a favor da petición da Associaçom Galega da Língua (AGAL) de que o portugués sexa a segunda lingua estranxeira nos centros de ensino secundario. O MDL lembra que leva dende 1998 promovendo a introdución do portugués no currículo de secundaria como un xeito de frear a perda de galegofalantes entre a mocidade.

A iniciativa tamén é apoiada pola CIG e o BNG xa presentara en 2003 unha proposición non de lei da introdución xeneralizada da materia optativa, afirma o MDL, que salienta que o contacto directo coa lingua e cultura portuguesas amosaranlles aos estudantes a utilidade que o galego pode ter en todos os ámbitos da vida.

O Movimento considera que é o momento de apostar polo portugués, agora que se está a debater o borrador do novo currículo de Ensino Secundario. As avantaxes serían o recoñecemento da relación entre o galego e a lusofonía, o coñecemento de recursos lingüísticos que axuden a combater a castelanización da lingua, e o coñecemento dun espazo sociocultural alternativo á hispanofonía. Alén disto, destacan as vantaxes profesionais que supón o intercambio de persoas no espazo transfronteirizo, como xa percibiron en Estremadura, onde máis de 9.000 estudantes están a aprender portugués.

O MDL cre que o profesorado de galego e o estudantado se deben implicar na promoción do portugués como segunda lingua do mesmo xeito que o profesorado de francés e alemán anima o alumnado a estudar eses idiomas.

Con este comunicado, o MDL responde a un artigo de Dolores Valcárcel publicado o domingo en Galicia Hoxe onde criticaba a AGAL por considerar o portugués lingua estranxeira e non propia.


5/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: