Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
"Despedida agarimosa"

O IV Encontro Galego de Ilustración pecha cunha homenaxe a Siro López

Os e as profesionais da ilustración salientaron a “integridade” do caricaturista ao longo de trinta anos de carreira na prensa.

Redacción - 12:30 28/10/2007

No evento, organizado pola AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración), Siro López agradeceu a homenaxe cun discurso poético e irreverente: “o humor foi para min moito máis que un medio para gañarme a vida. En realidade foi a miña filosofía de vida. Unha filosofía de andar por casa, de zapatillas, pero que a min me permitiu convivir coa miña timidez patolóxica”.

Comezou na publicación madrileña Chan, como ilustrador, logo de que un amigo seu lle mandase os seus debuxos a Borobó, até que deixou o seu traballo de técnico de construción naval na Bazán para se dedicar durante 23 años á caricatura política no xornal La Voz de Galicia.

O ateigado auditorio da Fundación Caixa Galicia, en Compostela, escoitou ao autor facer alarde do seu vasto coñecemento sobre a historia da caricatura, e remontarse nada menos que á época en que o emperador Constantino oficializou no Imperio a relixión católica: dende que se puido adorar ás deidades como debuxos, comezou a ilustración como a coñecemos hoxe en día: “gloriosos predecesores –relatou- son aqueles ilustradores do Beatlo de Liébana, os pintores dos templos e cámaras mortuorias como en San Isidoro de León, ou o xenial Mestre Mateo”.

Pero tampouco non esqueceu o demo: “Grazas a Luzbel sei apreciar a xenerosidade deste acto de camaradería que me estades brindando”, e tamén grazas ao diaño, “o máis fermoso dos anxos e o preferido de Xehová, que se rebelou contra un deus tirano, sabendo que sería desterrado do paraíso, co que teño a maior débeda”. Algo teñen de demochiños os ilustradores que tamén se rebelan contra o tirano cos seus debuxos...

Escurantismo nos contratos e cuestións de dereitos, os principais problemas do gremio

Este encontro para chegar a unha serie de conclusións sobre a profesión. Na xornada do sábado achegáronse certos datos: por exemplo, a metade dos ilustradores galegos traballan para editoriais, a cuarta parte, nas empresas de publicidade, e un 5%, nos xornais. Carmen Castro, economista e xerente da Federación de Asociacións de Ilustradores Profesionais (FADIP), engadiu que, no Estado, é un orzamento que especifica as condicións, prezos e prazos a principal forma de estabelecer un encargo (54,7%). Un 22,5% das relacións estabelécense por contrato escrito.

Santi Gutiérrez, membro da directiva da AGPI, revelou que a media galega supera “unha vez máis no senso negativo” á estatal: o 25% dos ilustradores galegos traballan sen ningún tipo de contrato que regule a súa actividade profesional.

Mariona Sardá, asesora xurídica de FADIP, conta como estabeleceron un contrato no 99 coa Federación de Gremios de Editores, mais non se ten en conta á hora de estabelecérense relacións contractuais ilustrador-cliente/editorial: o contratante extralimítase moitas veces ao tentar ter para si todos os dereitos, incluíndo os de transformación. Por este motivo, por veces realízanse produtos de merchandising sen o consentimento explícito do autor.

Sardá propón que os ilustradores pidan contratos para a súa negociación e revisión, que se teña en conta que os pactos de edición non son contratos de adhesión e poden dialogarse.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: