Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Rubén Ruibal

“O teatro: unha obsesión”

O gañador do Premio Nacional de Literatura Dramática, compartiu con Vieiros as súas inquedanzas literarias e mostrou a súa opinión sobre o teatro galego actual.

Lucía Iglesias - 09:30 28/10/2007

Obsesión por ler teatro, obsesión por acudir a representacións, obsesión por escribir..."Unha obsesión", así é como define Rubén Ruibal a súa relación co teatro. E, que dicir deste xénero literario? O escritor ribadense afirma que os escenarios galegos non se atopan no seu mellor momento. Os dramaturgos actuais téñeno "complicado", xa que "están lonxe das compañías teatrais e da sociedade e tamén están lonxe dos directores de teatro do país". Para este literato galego a única forma de saír adiante é que "che toque a lotería" é dicir, " escribir para o Centro Dramático Galego (CDG) ou ter una compañía propia".

A televisión tamén está a determinar a situación problemática na que se atopa o teatro. As produtoras "son moi absorbentes e, a pesar de non pasárense polos teatros, dan cos mellores actores". Rubén Ruibal explicou que non todo está perdido e que existen vías para atallar estes problemas , "o que deberíamos facer é fomentar o teatro afeccionado, non funcionar en base á demanda, xa que en Galiza actualmente o que temos é unha oferta ficticia. No noso país créanse compañías profesionais para poder acceder ás axudas, xa que os grupos afeccionados non son subvencionados".

O público
Outro dos problemas que preocupan ao dramaturgo ribadense é a ausencia dun público estábel para o teatro, e isto radica na rapidez coa que as representacións cambian de cidade ou vila, "os bos espectáculos levan público, xa que se a alguén lle gusta unha obra o que fai é comentarllo aos seus coñecidos. Funciona o boca a boca, o problema é que as compañías non botan nunha mesma cidade máis de dous días, polo tanto este método publicitario xa non é tan efectivo. Con isto o único que conseguimos é que unha obra moi boa teña o mesmo público que unha non tan boa, co que non se valora a calidade dos textos".

A día de hoxe, existen máis ben poucos escritores de teatro que poidan vivir tan só da súa faceta de dramaturgos. "Non", afirma Ruibal "en Galiza só podes gañar cartos escribindo se recibes algún premio, e, polo de agora, tan só temos dous". O Premio Álvaro Cunqueiro e o Rafael Dieste están dotados con 6.000 e 6.5000 euros respectivamente, pero como é de esperar, non sempre recaen no mesmo autor, é máis, en moitas ocasións son declarados desertos. "Na actualidade existen moi bos dramaturgos, mesmo da miña xeración, o problema é que moitos deles non son visíbeis debido a que non chegan aos escenarios e, sen veren nas táboas os seus textos, son incapaces de aprender dos erros."

Limpeza de sangue

O gañador do Premio Nacional de Literatura Dramática confesou a Vieiros que a realidade é a fonte da maior parte dos seus proxectos: "teño un grande apego a escribir sobre a realidade, son un adicto a reflectir nos meus textos todo aquilo que teño máis preto, e isto chega incluso a percibirse na feitura do propio escrito. Tamén me inflúe a literatura e todo o que vou lendo, gústame definirme como unha esponxa, pero tamén me gusta pensar que os meus textos son orixinais, que non copio a ninguén".

O seu mestre, Roberto Vidal Bolaño, é outra das súas grandes influencias "collín o fío da súa obra Doentes, a súa versión do Luces de Bohemia, deille unha volta e convertino en dous doentes de verdade".

Novo sangue

Grazas ao premio conseguido por Limpeza de sangue, Rubén Ruibal pode dedicarse a seguir escribindo. Actualmente está a preparar un novo texto para o CDG, xunto con Jacobo Paz e Vanesa Sotelo, baixo o título Drama a tres, que estará dirixido por Dani Salgado. Ten ademais outros proxectos de títeres, que ten pensado presentar ao Premio Barriga Verde, e continuar co proxecto dunha novela co que xa leva algún tempo.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: