O doutor Oliver Curry cre que a dependencia tecnolóxica e a selección da parella levará a un futuro de 'guapos' e 'feos'.
Oliver Curry, da Escola de Económicas de Londres, prevé que a Humanidade se dividirá en dúas subespecies dentro de 100.000 anos: unha clase alta e outra baixa, como acontecía na novela de H. G. Wells A máquina do tempo. O teórico en evolución cre que os seres humanos tocarán teito arredor do ano 3.000, para logo comezaren unha decadencia por mor da dependencia tecnolóxica.
A xente escollerá mellor as súas parellas, levando a Humanidade a se dividir en subespecies. Os descendentes da clase superior serán altos, delgados, sans, atractivos, intelixentes e creativos, mentres que a xente da subespecie inferior será fea e semellante a criaturas coma os goblins.
Segundo Curry, a curto prazo, dentro duns mil anos, os seres humanos evolucionarán até xigantes de entre 1,80 e 2,10 metros, cunha esperanza de vida de 120 anos. As diferenzas raciais neutralizaranse até unha Humanidade de cor café, os homes desenvolverán máis os seus rasgos masculinos e as mulleres os femininos, pero en 10.000 anos, a dependencia da tecnoloxía fará que a nosa xenética teña que pagar un prezo moi alto.
O visionario británico cre que iremos perdendo a capacidade de comunicarnos e interactuar, de sentir emocións como o amor ou a simpatía, de traballar en equipo... e tamén empeorará o sistema inmunolóxico.
Aínda máis cara ao futuro, a selección sexual acabará por facer que a Humanidade se divida en dúas subespecies: unha “grácil” e outra “robusta”, semellantes aos Eloi e os Morlocks da novela que publicou Wells en 1895.