Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Comeza a Feira Galega de Artes Escénicas

O teatro galego aterra en Compostela

Os composteláns Matarile Teatro son os encargados de inaugurar a exposición, que dará comezo este martes na Sala Galán e continuará ata o vindeiro día 27.

Redacción - 11:41 23/10/2007

O cartel reúne a un total de 25 compañías - 21 galegas e 4 de países lusófonos-, que mostrarán os seus espectáculos en diversas localizacións da cidade. Sala Nasa, Teatro Galán, Teatro Principal e Auditorio do IES Xelmírez I serán os lugares onde crear ambiente e fomentar a cultura teatral dos galegos.

Esta feira. organizada pola Consellaría de Cultura a través do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), ten como finalidade o fomento da compravenda de espectáculos producidos en Galiza, para o que se habilitaron unha serie de stands das empresas, unha área de encontro profesional e unha mesa de concentración aberta na Fundación Torrente Ballester.

Polo de agora, está previsto que acudan preto dun cento de programadores de teatros, auditorios, circuítos e festivais procedentes de diferentes puntos do noso país, así como profesionais chegados do resto do Estado (Andalucía, Cataluña, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade Valenciana, Euskadi e Madrid), así como do norte de Portugal.

Teatro...

Na xornada inaugural, os profesionais poderán asistir á representación de Matarile Teatro Truenos e Misterios, a partir das seis da tarde na Sala Galán; así como ás obras Medidas preventivas de Ancora Produccións, ás 20:30 no Teatro Principal; Emigrados de Teatro de Ningures, no Salón Teatro ás 23:00; e Cloun Creolus Dei do caboverdiano Grupo de Teatro do Centro Cultural Português-Instituto Camões Mindelo, que terá lugar na Salan Nasa a partir da unha da madrugada.

O público non acreditado tamén poderá asistir ás funcións, dependendo das localidades que queden dispoñibles en cada un dos espectáculos. O prezo único de entrada será de 5 euros. Os billetes poderán recollerse dende a hora antes ao comezo da representación

.... e máis teatro
Ademáis das representacións, os interesados poderán participar nas actividades paralelas organizadas con motivo da feira. A Fundación Torrente Ballester é neste caso o "escenario" elixido para acoller a exposición Un país dende as táboas. 125 anos de teatro galego, coa que se conmemora o centenario da primeira obra teatral galega, A fonte do xuramento.

A feira será tamén o marco onde se celebre o Seminario Internacional de Formación en Critica Teatral organizado pola International Association of Theatre Critics (IATC) co patrocinio do IGAEM e a colaboración da Asociación de Directores de Escena de España (ADE) e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Inclúe a asistencia ás montaxes que se representen nas xornadas de serán e tamén ás sesións matinais que se desenvolverán no Salón Teatro de 10:00 a 14:00 horas.


Documentos

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: