Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
A TVG A ANÁLISE NO ÚLTIMO NÚMERO DA REVISTA

Editorial de Tempos Novos: Debate de estados

A sección editorial da publicación valora o que deu de si o debate sobre o estado da autonomía e aborda a polémica sobre a redefinición xurídico/política para Euskadi proposta por Ibarretxe.

TEMPOS Novos - 13:13 22/10/2007

No debate sobre o estado da autonomía, goberno e posición marcharon por vías paralelas. Sobre Núñez Feijóo e os seus pesan coma pedras as directrices obstrucionistas que os abandeirados da rúa Génova ordenaron cumprir alí onde o PSOE ten poder. Trátese do novo Estatuto, ao que lle seguen aplicando a súa capacidade de bloqueo; de canto faga de Galicia un territorio a salvo de especuladores, nos que o fraguismo depositara toda a súa confianza; ou de poñer en sociedade e á altura dos tempos tecnolóxicos a lingua que nos identifica e singulariza no mundo, á que lle negan os fórceps que aseguren a súa subsistencia. Os discursos non serviron para outra cousa que non fose para describir contraditorios estados de felicidade (Touriño) e desasosego (Feijóo), subxectivizando con argumentos ad hominem a afirmación e a negación do cambio. Sen entraren uns e outros no que máis o puidese evidenciar ou retrucar: os baremos de democratización, que habían ter para socialistas e nacionalistas unha primacía na súa acción de goberno. Como moito, serviron para poñer en calendario iniciativas sociais, como a do complemento das pensións non contributivas, das que o vicepresidente Quintana está sendo bo fiador. Todo o demais, así que pasen as calendas electorais.


Accidentada folla de ruta


 

A xulgar polo que se le e se escoita a propósito da maneira en que o lehendakari Ibarretxe quere acadar, pola vía do pacto e, en chegando o caso, pola vía da consulta popular, unha redefinición xurídico/política para Euskadi, non parece senón que se trata dun marciano e non de quen é o representante do Estado nesa comunidade. Tanto desdén democrático resulta cínico e irresponsable. Rajoy chegou a pedir a súa destitución. Para xustificalo, argumentan en falso, trasladándolle á opinión pública a mensaxe de que a consulta é para que os vascos se decidan pola independencia. Non é tal. A prevista para o 25 de outubro do 2008 sería sobre o dereito a decidir. É certo que non tería o aval constitucional, dado que esa competencia non aparece no actual estatuto de Guernika, polo que cabe no seu día un recurso que a impida, pero tampouco é para escandalizarse por algo que os estatutos de Catalunya e Andalucía xa permiten nos seus respectivos territorios. En todo caso, até agora a proposta non saíu do ámbito político, no que todo é debatible. Cousa ben distinta é calibrar o seu percorrido. A escasos meses das eleccións xerais, tanto Zapatero como Rajoy buscan o corpo a corpo envoltos na bandeira española, e competirán escenificando contra Ibarretxe e o nacionalismo vasco as súas respectivas fidelidades patrióticas. Tampouco hai no PNV a unanimidade que precisa un reto desa natureza, que xa se cobrou o liderado de Imaz. Por outra parte, ETA non vai desistir de protagonizar a axenda. Unha folla de ruta demasiado accidentada para ter éxito.


Nas mellores mans

 


Co nomeamento dun novo director/xerente, o festival cinematográfico de Ourense pode e debe ser rescatado do pozo no que caera a partir da súa segunda edición. Que o galego Enrique Nicanor aceptase ese desafío, é a mellor garantía. Ninguén coma este produtor, director, consultor e profesor para resituar ese certame de cine nunhas coordenadas culturais que representen o contramodelo do que até agora viñera significando, entre arrobas de pailanismo, esa cita festivaleira. A elección de quen dá o perfil ideal para ese cometido, tanto por formación –na Habana e París-, como por experiencia creativa –premio Ondas polo conxunto da súa obra en TV- ou xerencial –director da segunda canle de TVE, comisario audiovisual para Europa, membro do Board internacional de Imput/organización mundial das Televisións Públicas, director xeral da empresa United Media especializada en coproducións internacionais-, é unha das novas culturais máis alentadoras que nos regalou o verán. Ofrece a seguridade de quen, sentíndose comprometido coa terra á que volveu para quedar, ten o respaldo que un festival de cine independente precisa dos organismos internacionais e do sector industrial que o produce, tanto para darlle consistencia diferenciada entre os de Sundance, Bos Aires, Nova Iorque, Barcelona ou Lisboa, como para facelo social e culturalmente útil entre nós. Tócalle agora redeseñalo, consensualo, facelo representativo de Galicia, e proxectalo internacionalmente para que teña vida propia na edición do ano que vén.

 


 




5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: