O executivo de Erdogan acordou outorgarlle uns días a EUA -que quere evitar a ofensiva de Turquía- para que actúe con contundencia.
Protestas deste luns en Ancara
A opinión pública turca está a poñer ao seu goberno, presidido polo primeiro ministro Tayyip Erdogan, contra as cordas. Este luns numerosas persoas saíron ás rúas da capital para esixirlle un ataque sobre as milicias independentistas do Partido dos Traballadores (PKK) como resposta aos incidentes desta fin de semana.
No entanto, o executivo de Erdogan vai agardar uns días, para que os Estados Unidos dean esta resposta. O goberno de George Bush quere evitar a incursión do exército turco en Iraq, onde se calcula hai uns 3.000 milicianos do PKK, a toda costa. O Curdistán iraquí é a única zona do país onde a guerra non está activa.
Ademais, tras o conflito creado entre Turquía e EUA pola condena deste último ao xenocidio armenio, o goberno de Ancara agarda que os exército norteamericano responda. Turquía é un dos mellores aliados de EUA na zona, e un punto clave no caso dun hipotético ataque a Irán.
O 5 de novembro está prevista unha xuntanza entre Erdogan e Bush, polo que se as tropas estadounidenses e as autoridades iraquís dan "pasos inmediatos" para frear a actividade do PKK, segundo fontes gobernamentais, non haberá incursión turca.