Centros de ensino, estudantes universitarios e público en xeral engadirán artigos de carácter científico en lingua vasca.
Logotipo da Wikipedia en éuscaro
A Semana da Ciencia e da Tecnoloxía, que organizan a Universidade do País Vasco, os departamentos de Educación e de Industria e a área de Cultura do concello de Bilbao, está dedicada este ano ás tecnoloxías da información e da comunicación. Como novidade, argallouse un concurso entre os centros de ensino secundario, universitario e o público en xeral para premiar achegas á Wikipedia en éuscaro no eido científico e tecnolóxico.
Haberá premios para seis categorías de participantes: alumnado de ESO, de bacharelato e das universidades, profesorado de ESO e de bacharelato e outra para o resto do público. Serán computadores persoais portátiles e canóns proxectores dixitais para os centros de ensino. Todos os candidatos, que poden facelo individual ou colectivamente, teñen de prazo até o 31 de outubro para incluír as súas achegas. O xurado valorará que os artigos se axusten ás normas da Wikipedia e teñan rigor científico e valor didáctico.