Na Coruña iniciará este mesmo mes a ex socialista a procura de apoios para o seu novo proxecto político.
"Unión, Progreso y Democracia", a marca baixo a que a ex deputada socialista Rosa Díez aspira a conseguir representación no Congreso, inclúe a Galiza entre os lugares onde aspira a organizar a súa estrutura de partido. A formación conta xa no país cunha "coordinadora territorial", desde onde aseguran que o crecemento no número de afiliados "superou e rebordou as previsións iniciais". Consideran os promotores de UPyD que isto é resultado do "desencanto e falta de resposta que encontra o electoral galego entre os partidos tradicionais".
A UPyD estaría nese momento organizando os apoios recibidos e recollendo as inquedanzas dos potenciais simpatizantes. Malia que a Plataforma Basta Ya, na inercia da cal se está despregando o novo partido, tiña febles apoio en Galiza, a UPyD inicia a súa procura oficial de apoios pola cidade da Coruña, onde nas últimas eleccións municipais a saída de Francisco Vázquez deixou o escenario máis atractivo para as formacións independentes que, aínda sen conseguir representación, apañaran máis de sete mil votos.
Contra os avances no autogoberno
Entre as prioridades subliñadas pola UPyD e incluídas no seu programa están a proposta de freo ás transferencias competenciais. Aínda por riba, este partido pide que mesmo se cavile a "eventual reversión dalgunhas competencias xa transferidas". De xeito específico, solicitan a reforma da Constitución e a modificación do sistema electoral estatal coa fin de pecharlle as portas do Congreso aos nacionalismos periféricos.
Unión, Progreso y Democracia convocou para finais de outubro un acto oficial de presentación do proxecto. Será na Coruña, na tarde do día 31 e no Pazo de Congresos e Exposicións, coa intervención prevista da líder da formación, Rosa Díez.
O movemento é visto en Galiza entre a desconfianza e a curiosidade desde o contorno de PSOE e PP, partidos aos que a nova formación aspira a rabuñarlles apoios da saca electoral. Con todo, desde o ámbito do PSdeG semellan non estar moi interesados polo eco que en Galiza poida ter o discurso de Rosa Díez. Máis preocupación habería nos cuarteis do PPdeG, onde si existiría a percepción de que no ámbito galego pode erosionar o apoio ao PP dalgúns sectores. Con todo, desde o contorno da formación non lle prognostican á UDP a menor posibilidade de éxito no país.