O equipo profesional galego xa escolleu hai dúas semanas a Delio Fernández e a Alexandre Paleo entre os ciclistas amateur galegos. Agora tocoulle a Xesús Cobelo.
Jesús Cobelo Fojo é a terceira incorporación do KGZ para a tempada 2008. Como Fernández e Paleo, Cobelo é de Ortigueira, procede do pelotón galego amateur e correu, nos últimos anos, para o PSA Vigo-Autronic-CC Vigués.
"A idade non vai ser un obstáculo para que un ciclista fiche polo KGZ"
Estas foron as palabras que o director deportivo do equipo profesional galego pronunciou nos adestramentos que varios ciclistas galegos amateur tiveron co KGZ a finais desta tempada. As súas palabras ratifícanse agora ao escoller a Cobelo, un home de 30 anos, entre todos os ciclistas do pelotón amateur galego.
Segundo un comunicado do KGZ, Cobelo é un "ciclista completo, especialmente, rodador e moi combativo, que se distinguiu sempre polas súas grandes cabalgadas en solitario". Foi campión galego de contrarreloxo elite, e liderou durante tres días a Volta a Galicia 2006, logo de gañar a primeira etapa, e a Challenge da Deputación de Pontevedra no mesmo ano. En 2007 pechou a tempada co triunfo na Subida á Manzaneda, en Asturias.
A gran vocación ciclista, segundo o equipo do que pasa a facer parte, é outra das súas virtudes.