Por primeira vez valoraranse as mellores actuacións por tempada, adaptándose dun xeito máis real ao tempo de traballo da xente do deporte.
Será entre finais de novembro e comezos de Nadal cando se celebre a gala de entrega dos Premios Nacionais do Deporte 2006/2007. A través desta convocatoria, a Consellería de Cultura e Deporte, por medio da Dirección Xeral para o Deporte, recoñecerá o labor desenvolvido polos axentes que integran o Deporte Galego, nas súas traxectorias máis destacadas, durante a tempada 2006/2007. Isto é unha novidade, xa que o ano pasado o recoñecemento referíase ao ano natural e non á tempada; un cambio no que se pensou para adaptarse mellor ao tempo de traballo dos deportistas.
As categorías dos premiados
Entre as categorías atópanse as de mellor deportista e deportista con discapacidade, mellor club, adestrador/a ou xuíz, mellor traxectoria deportiva, e tamén premios a entidades, públicas ou privadas que destacaron na última tempada polo seu apoio ou promoción do deporte.
No proceso de escolla dos premiados e premiadas, teñen un papel fundamental as 58 federacións deportivas galegas que se encargarán de achegar os seus candidatos para a valoración do xurado.
En palabras da Dirección Xeral para o Deporte, o obxectivo destes premios é recoñecer o traballo que moitas veces escapa ao ollar público mais que contribúe a reforzar os alicerces do deporte galego, así como premiar a aquelas persoas ou entidades que fan posible que o noso deporte teña cada vez máis peso a nivel internacional.
Podes consultar aquí a orde da convocatoria publicada no DOG.