"Onde está a regulación do voto emigrante que demanda a sociedade?", laiouse Carlos Aymerich, voceiro parlamentario do BNG.
"Non pode ser que 320 mil votantes non computen á hora de distribuír escanos", explicou Carlos Aymerich na súa intervención parlamentaria. O voceiro do BNG sinalou que PSOE e PP deberan esforzarse por traballar para que Galiza "non perda peso" no conxunto do Estado. De xeito específico, acusou a Alberte Núñez Feijoo de defender posicións diferentes "aquí e en Madrid". "En Galiza interésanlles os votos da emigración, pero en Madrid manteñen actitudes xenófobas", reprochoulle aos populares. Ao fío, subliñou que o Bloque mantivo unha posición estábel ao respecto, e defendeu que, tal e como xa propuxo a formación nunha emenda ao estatuto dos cidadáns no exterior, a cidadanía lles poida ser outorgada, pero que os netos de emigrantes só poidan votar "no caso de que residan en Galiza".
"Non é lóxico que persoas que nin viven en Galiza nin teñen previsto facelo poidan tomar parte de eleccións locais", indicou Aymerich, desafiando o resto de formacións políticas a seren claras na súa posición sobre esta cuestión. Nese sentido, insistiu en que a "nacionalidade" debe estar "desligada" do dereito a voto. De paso, queixouse que os galegos que viven noutras zonas do Estado non teñen dereito a decidir nos seus municipios natais. Sobre os continuos adiamentos das reformas necesarias para garantir o voto en urna e eliminar as irregularidades nos censos de residentes ausentes, criticou a escasa vontade por acelerar as reformas lexislativas necesarias.