Co gallo da celebración do Any Rusiñol -para conmemorar o 75 aniversario do pasamento do artista e escritor Santiago Rusiñol (1861-1931)- o Museu Nacional d'Art de Catalunya mostra Dibuixos de Santiago Rusiñol del MNAC, trinta deseños dos cincuenta e tres que se conservan nos fondos do museo, dentro do Gabinet de Dibuixos i Gravats. O comisario da mostra é Francesc Quílez, responsable da conservación do Gabinet e do MNAC. Con esta exhibición, o MNAC súmase aos actos que teñen como epicentro a vila de Sitges, e Cau Ferrat, a que foi casa do artista na vila mariñeira.
A faceta de debuxante de Rusiñol -moito menos coñecida ca de pintor- vén dada e condicionada polas súas actividades como cartelista e como literato. Así é. Moitos dos debuxos que fixo a finais do século XIX e comezos do XX foron ideados como ilustración a artigos de opinión que se publicaron en "La Vanguardia
", xa sobre impresións de viaxes, xa sobre consideracións estéticas. A confección de carteis publicitarios tamén o levou a traballar cos lapis.
Os debuxos recollidos na exposición foron deseñados nos últimos vinte anos do século XIX. Todos proceden dos fondos do propio museo e formaron parte de coleccións privadas que logo comprou o museo. A maioría das obras proceden da colección de Raimon Casellas, escritor e crítico de arte, e que lle foron compradas xa no ano 1911. Curiosamente, este crítico, Casellas, foi moitas veces o intermediario entre Rusiñol e "La Vanguardia", cando o artista estaba de viaxe por Italia, ou en París, ou por Granada e lle enviaba as crónicas e os debuxos a Raimon, para que logo fose el o que remitise todo ao xornal.
A creación ao longo deses vinte anos (1980-1999) reflicte a evolución estética de Rusiñol. Non podía ser doutro xeito. Deixando de banda outras consideracións, estes trinta debuxos fanse en intres de grande convulsión estética (impresionismo, post-impresionismo, simbolismo, etc.) e o artista pasa de ter 19 inmaturos anos a facer os 38. Así en
Pati Rústic (1880), Rusiñol busca a recreación realista e detallista do quinteiro rural, seguindo vieiros aprendidos. Estas tendencias estéticas seguirán noutros deseños. Cómpre lembrar tamén que o artista vivirá en Olot e farase amigo de
Joaquim Vayreda, o creador da escola de Olot e o grande impulsor do paisaxismo rural catalán.
No ano 1894 fai unha viaxe de varios meses a Italia, acompañado polo tamén pintor
Ignacio Zuloaga. Desde alí mandará crónicas con debuxos a "La Vanguardia" (
Desde otra isla. Un rato al Continente. 1894). O deseño
Un Carreró de Gènova (1894) presenta unha estética simbolista moi clara; as figuras e as construcións diluíndose no lapis e mais no pastel: “
Mirándose en el agua, palacios de una altura colosal, (...) y por doquier bodegones subterráneos, carabineros husmeando el contrabando” ("La Vanguardia", 19/3/1894). Paga a pena pararse diante de
Cementiri de Pisa, da mesma viaxe e datas: “
Sólo para ver el cementerio de Pisa, vale la pena de venir á esa Itália desde las antípodas del mundo (...) pueden salir sus almas á contemplar con deleite su vivienda y esperar el Juicio en más tranquilo silencio.” ("La Vanguardia", 19/3/1894).
Outra viraxe estética do artista viaxeiro e saudoso pódese comprobar nas obras que envía desde París no ano 1895 como ilustracións das súas crónicas para "La Vanguardia"
, tituladas neste caso “
La pasta hidráulica”. Aquí o deseño libérase da superficialidade e busca liñas definidas, fortes e enmarcadoras. Desde o Sena manda retratos de Pere Ferran e de Carles Mani, dous artistas de Tarragona que malvivían no París da bohemia. Falando de onde viven: “
Luz, no la hay: un agujero en el techo, por donde se escurre la nieve en vez de la claridad; muebles tampoco; una cama que se dobla con más inteligencia que colchones; un recuerdo de silla...” ("La Vanguardia", 28/21895). O mesmo acontece co
Retrat d'Alfredo Sainati (1898). Nestes deseños conta moito a efectividade expresiva, a influencia do seu traballo no cartelismo e o coñecemento da obra dos grandes: Toulouse-Lautrec, ou Steinlen, ou Ramón Casas. Estas influencias xa se puideron ver no MNAC coa mostra
Toulouse-Lautrec i l'origen del cartell modern (primavera de 2006), e na de
Ramón Casas i el cartell, que polas mesmas datas presentou o Museu d'Història de Catalunya.
Da faceta de Rusiñol cartelista, hai que salientar que até o pasado mes era de ver no MNAC a exposición
El Cartell Modern a les col·leccions del MNAC, onde Santiago Rusiñol estaba representado por varios carteis, todo eles relacionados co teatro, xa de obras súas (
L'Alegría que Passa, 1898), xa doutros autores. E do gran cartelista, Ramón Casas, o MNAC tamén ten unha mostra permanente dos seus deseños:
Ramón Casas i la figura femenina. Interesante acubillo de estudos para carteis nos que é o corpo da muller e a súa utilización na publicidade o tema central. Da para facer unha boa investigación.
Insistindo cos debuxos, cómpre dicir que neste ano houbo e hai importantes exposicións de deseños en Barcelona. Non hai moito eran
Dibuixos espanyols a la Hipanic Society of America os que enchían salas do MNAC -unha institución pública emperrada en dar a coñecer as artes aos veciños de Barcelona-, e agora pasa algo semellante en CaixaForum -
Passió pel Dibuix- mostra da que, con seguridade, se falará neste portal de vieiros.
EXPOSICIÓN: Dibuixos de Santiago Rusiñol del Mnac Palau Nacional (Montjuïc-Barcelona)
Horario: de martes a sábados, de 10 a 19 h, domingos e festas, de 10 a 14.30 h.
Até o 1 de abril de 2008.