A Federación Galega de Municipios debaterá seguir o exemplo de Pontevedra, que gravará o 1,5% dos ingresos locais de Movistar, Vodafone e Orange.
O pleno da FEGAMP será o 22 de novembro
Agora mesmo so é Pontevedra, pero o resto dos 315 municipios do país poderían seguir o seu exemplo. A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) vai tratar na súa próxima xuntanza a aplicación dun imposto ás compañías de móbiles. As arcas locais recibirían o 1,5% dos beneficios que sacan as operadoras na área municipal, taxa que acaba de aprobar o Concello de Pontevedra.
O concelleiro de Facenda, Raimundo González, explicou que Pontevedra comezará a gravar ás operadoras a partir de 2007. Segundo La Voz de Galicia, o plan do concello é que Movistar pague 167.000 euros, Vodafone 117.000 e Orange 65.000.
Se todos os concellos galegos aplicasen ese mesmo canon do 1,5%, recadarían uns 12 millóns de euros ao ano.
Xa se aplica en Cataluña
A aplicación da taxa conta con precedentes fóra de Galiza. De feito, 90 concellos cataláns -entre eles Sabadell e Badalona- comezaron a cobralo este ano. Iso si, as operadoras contraatacaron cunha chuvia de recursos xudiciais, polo de agora favorábeis aos concellos.
Con estes precedentes legais sobre a mesa, a FEGAMP debaterá o asunto o vindeiro 22 de novembro. A favor do imposto tamén está a aposta política da FEMP (o equivalente estatal da FEGAMP), quen deseñou a fórmula legal pola que algúns concellos xa gravan ás operadoras.
Loita entre administracións
E é que no transfundo deste taxa está a loita dos municipios por facerse cun anaco dos impostos das teleoperadoras, que ata agora recibe o Estado.