O mercado da curtametraxe e as relacións co sector da produción centran as III Xornadas Audiovisuais.
Terán lugar o 18 e 19 de outubro no Consello da Cultura, no marco do festival Curtocircuíto, e para presentárena estiveron na sede da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) o seu presidente, Vicente Montoto, os actores Antonio Durán "Morris" e Camila Bossa, representando á vocalía do audiovisual, e o director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Ignacio Varela.
A primeira das mesas redondas, o xoves de 16:30 a 20:30, aborda a figura do produtor. Como explica o moderador da mesma, Antonio Durán, "existe unha distancia evidente entre produtor e actores. Chegamos a percibilo como "xerador de traballo" ou "negociador de contratos", e é necesario o achegamento".
Na mesa participarán Alfonso Blanco, produtor de cinema e televisión en Voz Audiovisual, Carmen de Miguel, de Continental e Antón Reixa, responsábel de Filmanova. Os riscos e as opcións dun profesional da interpretación en coproducións, producións foráneas con capital galego ou producións propias, ou a posibilidade de configurar un star system galego, serán algunhas das temáticas e problemáticas abordadas.
A curtametraxe, formato en auxe?
Xa o venres, a xornada afonda no mercado da curtametraxe. Camila Bossa, moderadora da mesa, fala do formato como un amplo abano de posibilidades, "dende o exercicio da escola de audiovisual até unha curta con presuposto, subvención, que vai a festivais..." É un xénero que damnifica particularmente aos actores: "ao non teren moito orzamento, non cobramos. É un favor permanente, e do que se trata é de acadarmos certa dignidade, en canto a contratos, dereitos de imaxe... Non podemos esquecer que é un traballo, e como tal, cómpre profesionalizalo".
Na mesa participarán Alfonso Pato, director do programa da TVG Onda Curta e "alma mater" do Festival de Cans, Mario Iglesias, autor de curtametraxes tan premiadas como De bares, e que se está a introducir no mercado da longametraxe, Mamen Quintas, directora de Curtocircuíto, e Jairo Iglesias, que con 21 anos dirixiu tres curtas, unha delas premiada co Mestre Mateo.
Pola súa banda, o director xerente do Consorcio, Ignacio Varela, salientou o interese das xornadas ao tocaren "dous temas de debate actuais, cun importante contido práctico. Non se trata tanto de redefinir modelos como de atallarmos problemas, e a revolución do audiovisual galego é que temos os mesmos problemas ca outros, e podemos estabelecer unha conexión". En canto ao colectivo actoral, subliñou: "ten que empezar a ser considerado unha das bases do noso audiovisual".