Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Após as reticencias do director da rolda

Pereiro recibe o mailló amarelo de gañador do Tour 2006

O ciclista galego recolleu nos despachos madrileños, mágoa que non fose nos Campos Elisios, o mailló que o acredita como gañador do Tour do ano pasado.

Redacción - 19:28 15/10/2007

Sóubose esta semana que Pereiro ía recibir, en cerimonia oficial e das mans do director do Tour, Christian Prudhomme, e do presidente da empresa organizadora, Patrice Clero, a camisola amarela de gañador da rolda francesa en 2006. Tamén se sabía das reticencias de Prudhomme a entregarlle o mailló ao de Mos en cerimonia oficial, porque, segundo dixo, quería "pasar páxina", após os meses de xuízo a Landis e as portadas que a dopaxe ían gañando nos medios de comunicación, ao tempo que a meirande carreira do ciclismo mundial perdía forza.

A Federación presionou até conseguir a cerimonia oficial
Ao recoñecer oficialmente a UCI a Óscar Pereiro como gañador, o Tour cedeu ás presións da Federación Española de Ciclismo e ao fin aceptou a entregar oficialmente o mailló.

Pereiro, que xa celebrara en Mos cos seus veciños a semana pasado o primeiro posto no Tour, estaba emocionada na sede do Consejo Superior de los Deportes, a segunda feira á tarde en Madrid. Quitou a parte de arriba do traxe e puxo o mailló para a prensa, e despois foi posando con el acompañado das autoridades que asistiron á cerimonia.

Alí estaban, acompañando ao galego, a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo, e a alcaldesa de Mos, María Jesús Escudero.

Pereiro vai recibir, ademais do mailló, os cartos que aínda lle deben -el levou o segundo premio, e aínda lle quedan uns cantos euros para chegar aos case 500 mil do primeiro-, e un recoñecemento de xeito oficial que aínda non recibira, a non ser por unha carta que lle enviou a UCI o 23 de setembro, após coñecer a sentenza -o día 20-, que consideraba culpábel de dopaxe por testosterona ao ciclista norteamericano Floyd Landis.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Óscar Pereiro co mailló, acompañado, de esquerda a dereita, da alcaldesa de Mos, da conselleira Ánxela Bugallo e da directora xeral Marta Souto
Óscar Pereiro co mailló, acompañado, de esquerda a dereita, da alcaldesa de Mos, da conselleira Ánxela Bugallo e da directora xeral Marta Souto
Posando co mailló e cos representantes do Tour que llo entregaron
Posando co mailló e cos representantes do Tour que llo entregaron