Ismael Rego contradi ao vicepresidente asegura que non hai ningún compromiso do Estado en canto a transferencias.
Dous días despois de que o vicepresidente Anxo Quintana anunciara que ía establecer contactos cos demais partidos para reclamaren conxuntamente competencias ao goberno estatal, chega o primeiro pau. O voceiro parlamentario dos socialistas, Ismael Rego, advertiu que a súa formación non ve “prioritario” que Galiza asuma as competencias de Tráfico.
Rego deixou entrever que os nacionalistas están a buscar réditos políticos ao criticar a negativa de Rodríguez Zapatero a facer efectivos máis traspasos. Incluso negou que o anterior ministro de Admnistración Públicas tivera compromisos firmes con Quintana: “O vicepresidente da Xunta debe dicir a verdade; da reunión con Jordi Sevilla non saíu ningún acordo ou polo menos nós non temos coñecemento del”.
Pola súa parte, dende as filas nacionalistas sinalan que non hai ningún afán electoralista e retrucáronlle aos socialistas do seguinte xeito: “Se cren que se está a utilizar esta cuestión como estratexia electoral téñeno moi doado: que o goberno estatal proceda a materializar as transferencias pactadas e asunto concluído”.