Un sistema que localiza enfermos de alzheimer é un dos gañadores dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2007
Cartel da Gala da Toxa
O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) anunciou hoxe o fallo dos tradicionais Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Entre os galardoados está Arantia, firma compostelá especializada en solucións para a televisión por internet.
Esta filial de Televés gañou o premio o premio á mellor aplicación TIC pola "súa aposta pola tecnoloxía aplicada ao sector hoteleiro, ao ofrecer aos usuarios todo un abano de innovadores servizos de ocio e de entretemento a través do televisor".
Arantia acaba de lograr un contrato de cinco millóns de euros cunha das principais eléctricas de Francia, EdF, para venderlle solucións de vídeo en rede. Así o explicaba o seu director, Jacobo Penide, nunha recente entrevista publicada en Vieiros.
Contra as demencias
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais correspóndelle ao Sistema Intelixente de Monitorización de Alertas Persoais (SIMAP) da sociedade Tecnocoid. Esta firma creou unha ferramenta que permite a localización inmediata das persoas enfermas de alzheimer ou con demencias leves.
O Premio pos á Mellor Iniciativa Empresarial TIC é para a empresa Imatia Innovation "pola introducción de valor en mercados tradicionais, a creación de emprego tecnolóxico e a actividade en I+D".
Por último, o director técnico da Compañía Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), Antonio Posse, foi designado "Enxeñeiro do ano" por, entre outros factores, contribuír a "dotación, desde o seu posto, da máis alta tecnoloxía no equipamento do ente público autonómico galego CRTVG".
Gala na Toxa o día 19
O acto de entrega das distincións terá lugar o vindeiro 19 de outubro, venres, na XII edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebrará no Gran Hotel da Toxa (O Grove, Pontevedra).
O COETG agarda xuntar a 300 profesionais da tecnoloxía na tradicional cita da Toxa. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, serán dous dos asistentes.