Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
División palestina

Hamás e Fatah achegan posicións

Por vez primeira, o líder de Hamás, Ismail Haniya, referiuse á posibilidade de renunciar ao control de Gaza e avanzou posíbeis conversas con Fatah, a facción rival.

Redacción - 09:00 11/10/2007

Referiuse Haniya á existencia dun "serio movemento cara ao diálogo palestino" e asegurou que as dúas faccións acordaran organizar en datas próximas un encontro nunha capital árabe. De xeito específico, recoñeceu Haniya que a administración de Hamás sobre Gaza "é temporal".

O xesto enténdese como unha chamada á recomposición da unidade palestina despois dos graves e violentos enfrontamentos que remataran coa saída de Fatah da zona de Gaza e a división na práctica de Palestina en dúas áreas controladas por cada un dos dous grupos.

Así e todo, voceiros de Fatah aseguraron que non hai ningún encontro para negociación fixado. En declaracións á BBC, un asesor de Haniya insistiu en que o seu grupo está listo para "discutir todos os problemas".

Abbás expón a demanda sobre fronteiras
Por outra parte, o presidente palestino, Mahmud Abbás, foi noticia este mércores pola súa reclamación específica sobre a extensión do futuro Estado palestino. Ao tempo que delegacións conxuntas de Israel e Palestina traballan xa no deseño da declaración que supostamente deberían asinar no cumio do próximo mes de novembro, Abbás referíase durante unha intervención televisiva a unha superficie de 6.205 km2 entre Cisxordania e a Franxa de Gaza. "É a nosa visión para un Estado palestino independente con plena soberanía sobre fronteiras, auga e recursos", afirmou.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: