A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, asistiu a unha xuntanza en Barcelona co obxectivo de trazar políticas deportivas comúns entre os tres gobernos.
Marta Souto, reuniuse na mañá da cuarta feira en Barcelona coa secretaria xeral de Deportes de Cataluña, Ana Pruna, e co director xeral de Deportes de Euskadi, José Ramón Garay. O obxectivo desta xuntanza era coordinar proxectos no mundo do deporte que poidan establecer pontes entre os tres gobernos, como é o caso das seleccións nacionais das distintas modalidades deportivas.
Dende a toma de posesión da directora xeral para o Deporte, esta é a primeira toma de contacto que se establece entre os representantes dos tres gobernos, mais serviu como punto de partida para establecer unha axenda de reunións periódicas dende as que coordinar políticas deportivas conxuntas.
A seguinte reunión entre os responsables do deporte vasco, catalán e galego terá lugar en Euskadi o 29 de decembro, con motivo da celebración do partido de fútbol entre as seleccións Catalá e vasca.