O letrado afirma que moitos estafados comezaron a perder o medo cando viron as primeiras denuncias na prensa.
Despois de que os medios de comunicación falasen da posíbel fraude dos sobreprezos nas vivendas protexidas do polígono de Navia, en Vigo, e de que soase o nome de Telmo Martín como un dos implicados -como conselleiro delegado de Construcuatro, a promotora-, Vivenda decidiu esta semana tomar as rendas do caso.
Ante os novos datos que proban que a construtora cobrou sobreprezos en diñeiro negro polos pisos protexidos. A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, reaccionou esta segunda feira, abríndolle un expediente a Construcuatro, -a empresa da que ten un 30% Telmo Martín, presidente do PP de Pontevedra-, que podería terminar cunha multa de polo menos 1 millón de euros e a obriga de devolver todo o cobrado por baixo da legalidade.
Vieiros: Vostede representa á totalidade de afectados polo caso do cobro dos sobreprezos en Navia?
Antonio Salceda: Representaba nun comezo a dous deles. Agora levo o caso e chegan a ser, até o momento, unhas 24 persoas.
V: Como se decidiron as familias afectadas a denunciar o caso do cobro dos sobreprezos despois de telos pagado?
A. S.: A partir da publicación das noticias sobre a construtora e a implicación do presidente do PP de Pontevedra, Telmo Martín, no caso. Ao chegar aos medios, os afectados perderon o medo -ao comezo pensaban que estaban sós nisto-, e comezaron a chamar para informarse de a onde podían acudir e o que podían facer.
V: En que punto se atopan do procedemento?
A. S.: Nós imos presentar unha serie de datos e imos comunicar a lista de afectados ante o xulgado que está en coñecemento dos feitos. Coidamos que en mes e medio a cousa irá cara adiante.
V: Como valoran a sanción da Consellaría de Vivenda e Solo a Construcuatro?
A. S.: Hai un procedemento penal aberto que ten preferencia sobre o tema administrativo e sobre as medidas que queira tomar Vivenda. Nós informamos nun comezo a Vivenda e non nos fixeron caso, dixéronnos que puxésemos unha denuncia no xulgado e mesmo houbo quen nos dixo que Construcuatro estaba a facer as cousas ben. Agora pensamos que con este novo recurso queren lavar a súa imaxe e non están a facer máis do que unha comedia.
Teñen a lista de demandantes pero o procedemento administrativo ten algunhas eivas e están varias cousas distintas mesturadas. Aínda non falaron cos afectados.
V: Ve posíbel recuperar xudicialmente os cartos dos compradores?
A. S.: Se os xestores da promotora son atopados culpábeis, si, poderíanse recuperar os cartos. Coas probas que temos é bastante posíbel que se recuperen eses cartos, mais pola vía penal. Pola administrativa non ten sentido.
Porén, houbo outro procedemento que ten moito que ver con este, o de Vigolar, unha promotora que tamén cobrou sobreprezos vendendo vivendas en Navia, na mesma zona que agora. Neste non estaba implicado ningún político, mais esta promotora viguesa tamén cobrou sobreprezos e os compradores aínda non recuperaron os cartos. Vigolar foi sancionada por Vivenda no seu momento e non pode construír en 6 anos, mais non devolveu o diñeiro e a min cónstame que seguen a construír con outra empresa ou con outro nome, e as cousas seguen igual. Por isto o procedemento debe levarse polo penal, porque o administrativo non asegura que lles reintegren o investido aos afectados.