A decisión do alto tribunal representa a primeira vitoria da Xunta para lograr que os técnicos poidan entrar no inmóbel.
A Consellaría de Cultura logrou unha primeira e moi importante vitoria na batalla legal contra a familia Franco. O TSXG desestimou un recurso presentado por Carme Franco Polo, filla do ex ditador, para evitar que os técnicos da Xunta inventaríen o pazo de Meirás. A propietaria do inmóbel pedía que se respectara o principio constitucional de “inviolabilidade do domicilio”. O alto tribunal deixa moi clara a súa visión do litixio e explica que ese dereito privado non pode poñerse por riba dunha decisión administrativa “cando o demanda o interese público.”
Os maxistrados subliñan que é lóxico que os técnicos entren no pazo para fotografar as instalacións. A familia Franco consideraba tamén que a entrada de cámaras podía vulnerar o dereito á intimidade persoal e familiar. Mais o TSXG non cre que isto suceda xa que as fotos só buscan diagnosticar o estado do edificio e non serán de dominio público.
A familia Franco ten un prazo de cinco días para recorrer esta decisión xudicial. Aínda que o posicionamento do TSXG é favorábel ás teses da Consellaría de Cultura, agora un xulgado contencioso-administrativo debe resolver nas vindeiras semanas a petición do departamento de Ánxela Bugallo para entrar no pazo de Meirás.