Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Dotado con 12.000 euros

Kalandraka premia os mellores álbums ilustrados

Este luns, o departamento de Educación do Concello de Santiago e a editorial presentaron oficialmente a convocatoria deste certame pioneiro en Galiza, o I Premio Internacional Compostela.

Redacción - 18:10 08/10/2007

Diríxese a ilustradores de ámbito internacional, e o prazo para a entrega dos traballos remata o 31 de xaneiro do ano que vén. A resolución do xurado coñecerase o Día do Libro Infantil e Xuvenil, 2 de abril, data en que, ademais, Kalandraka fai dez anos.

É un dos certames mellor dotados economicamente a nivel estatal: 12.000 euros en dereitos de autor súmanse á publicación da obra gañadora nas cinco linguas oficiais da Península (galego, castelán, catalán, euskera e portugués). Xa se poden consultar as bases completas tanto na web da editorial como na do Concello, ademais de iren anexas a esta nova.

Para participar cómpre presentar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta do deseño da obra. Todo o material, asinado baixo lema ou pseudónimo, debe entrar polo rexistro do concello compostelán antes da data indicada.

Oito anos de animación á lectura

A convocatoria do I Premio Compostela enmárcase na Campaña de Animación á Lectura que o concello e mais a editorial celebran todos os anos, e que para o próximo chega á súa oitava edición. Ademais de actividades como sesións de contos e música, obradoiros, actos nas librarías, charlas para docentes e familias (das que gozan uns 5000 escolares da bisbarra compostelá), nesta ocasión, a Campaña engade un curso de formación impartido polo narrador Federico Martín Nebras.

As xornadas, para profesorado, educadores, pais e nais, bibliotecarios e animadores socioculturais, co título "As sete portas da memoria", desenvolveranse os días 24 e 25 deste mes na Galería Sargadelos de Santiago.

Con esta campaña quérese achegar o público infantil á lectura a través dos contos, procurar que adquiran a conciencia crítica necesaria para seren lectores selectivos e con opinión de seu, inculcarlles a sensibilidade estética que transmiten os textos e as ilustracións, e incentivar o seu interese por valores como a solidariedade, a ecoloxía ou a tolerancia.


Documentos

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Contacontos
Contacontos
Contacontos na VII Campaña de Animación á Lectura
Contacontos na VII Campaña de Animación á Lectura
Un obradoiro de banda deseñada con Kiko Dasilva o ano pasado
Un obradoiro de banda deseñada con Kiko Dasilva o ano pasado