Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Mívico 07

A Mostra de videocreación do Condado xa albisca unha segunda edición

Jorge Pelicano, Luiso Berdejo, Isabel Herguera e Lara Bacelo foron os directores premiados no certame. Vieiros falou con Cuco Pino, da organización, sobre o futuro do evento.

Redacción - 14:30 08/10/2007
Lara Bacelo, a directora galega premiada, posa co 'Miviquiño'

Lara Bacelo, a directora galega premiada, posa co 'Miviquiño'

O sábado entregáronse no auditorio de Ponteareas os catro premios do Mívico 07, primeira Mostra internacional de videocreación do Condado. O galardón Zúmballe ao mellor documental levouno Ainda há pastores? de Jorge Pelicano. A mellor curtametraxe foi For(r)est in the des(s)ert, de Luiso Berdejo; a mellor videocreación, La gallina ciega, de Isabel Herguera e a mellor videocreación galego-portuguesa Carta dun domingo pola tarde, de Lara Bacelo.

Cada unha das obras gañadoras levou 400 euros e un trofeo, o Miviquiño. O coordinador da mostra, Cuco Pino, deu conta dos bos resultados da primeira edición.

Cuco Pino: A valoración que facemos dende Quadra Producións e o equipo de Mívico 07 foi moi positiva. Os tres días de proxeccións, obradoiros e concertos resultaron moi do agrado do público, de arredor de mil persoas. Pretendíase, por ser a primeira edición, un asentamento do festival e ver a resposta da xente, porque sempre hai temas que se poden mellorar. Sobre as obras presentadas, agradecemos a participación da xente, porque era a primeira vez, non se sabía como ía saír e non se coñeceron os premios até a última semana. Chegaron 70 traballos, dos que se seleccionaron arredor de 50, e deles saíron os catro gañadores que se consideraron merecedores dos premios.

E como valora a calidade dos traballos que se presentaron?

A resposta da xente foi moi boa. A decisión foi do público. Aplaudiu os que máis gustaron e criticou os que non gustaron tanto. Iso é o bonito de poder ver os filmes diante de moita xente. Esperamos que se poida seguir facendo de aquí en diante.

Tiveron moitos apoios?

Recibimos o apoio da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta, que nos incluíu na listaxe dos 19 festivais subvencionábeis. En canto aos concellos, tamén foi importante a aposta de Ponteareas para que a mostra se desenvolvese no concello, e tamén de Mondariz Balneario, por onde pasou antes durante a mostra itinerante. Tamén colaboraron a Deputación de Pontevedra e, pola parte privada, a central eléctrica Sestelo.

Haberá máis edicións do Mívico?

Mentres estabamos a traballar no Mívico 07, había xa a sensación de que había que pulir algunhas cousas de cara a un Mívico 08. Xa falabamos do “ano que vén”. Parecíanos, sen ter falado nada, que quedamos moi contentos coa mostra deste ano e de que iamos tirar para adiante, e convertelo nunha cita anual. Igual temos que formulalo doutro xeito para a próxima edición.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: