Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pobre Mundo Rico

Pierre Schori fala sobre as misións de Paz da ONU

O director xeral da Fundación para as Relacións Internacionais e o Diálogo Exterior (FRIDE) está este luns ás 20.00 no Centro Social Caixanova de Vigo.

Redacción - 14:30 08/10/2007

"As misións de paz da ONU. O exemplo de Costa de Marfil" é outra das conferencias que, no marco do Simposio Internacional Pobre Mundo Rico, organizado polo Club Internacional de Prensa (dependente da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta), nos achegarán a temáticas relacionadas coa pobreza e a inxustiza no mundo globalizado.

Será o diplomático sueco Pierre Schori, director do FRIDE dende marzo, cun grande acervo en asuntos exteriores e cooperación ao desenvolvemento, quen nos transmita a súa experiencia: durante dous anos, até comezos deste, foi enviado especial do secretario xeral de Nacións Unidas en Costa de Marfil, onde dirixiu aos 10.000 efectivos que forman parte da complexa misión de paz.

Costa de Marfil ocupa o posto 163 dos 177 países do Programa de Desenvolvemento Humano da ONU. Schori exporá a situación actual do país, en que a metade da poboación vive con menos dun dólar ao día, malia producir Costa de Marfil o 40 % do PIB dos oito países de África occidental que forman parte da unión monetaria francófona (Franco CFA).

Ao empeoramento das condicións de vida da poboación súmase a diminución da axuda internacional: a finais dos 90, antes do intento do golpe, Costa de Marfil recibiu mil millóns de dólares en axudas para o desenvolvemento de doadores estranxeiros e internacionais. Agora, preto dos 200 millóns. Dende setembro do 2002 o país está dividido en dúas partes: o noroeste en mans aos rebeldes das "Forzas Novas" e o resto baixo o control do Presidente Laurent Gbagbo.

A Resolución 1721 do Consello de Seguridade da ONU prolongou por un ano o mandato do Presidente Gbagbo e o Primeiro Ministro Charles Konan Banny. As distintas partes, presidente, oposición política e rebelión, non chegaron aínda a un acordo para chamar a eleccións libres e reunificar a nación.

Sobre Pierre Schori


Tras unha longa carreira profesional no Ministerio de Asuntos Exteriores de Suecia, Pierre Schori foi Ministro de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e viceministro de Asuntos Exteriores, do 94 ao 99. Logo da súa experiencia como membro do Parlamento sueco e do Parlamento Europeo polo Partido Socialdemócrata sueco, nomeárono embaixador de Suecia ante as Nacións Unidas do 2000 ao 2004. O ano seguinte da súa vida foi profesor convidado na Universidade Adelphi de Nova York.

Pierre Schori é autor de varios libros: Latin Americans on Latin America (Estocolmo, 1968), O desafío europeo en Centroamérica (San José, 1982), Dokument Inifran (Estocolmo, 1992), Entre Escila e Caribdis: Olof Palme, a Guerra Fría e o postcomunismo (México, 1994), Europe between Maastricht and Sarajevo (Estocolmo, 1994), The Impossible Neutrality. Southern Africa (Cidade do Cabo, 1994), Olof Palme, Reformista sen Fronteiras (Barcelona, 1997), e Can the United Nations manage the new era? (Estocolmo, 1999). Así mesmo, entre as súas últimas publicacións atópase "Painful Partnership: The United States, the European Union and Global Governance" en Global Governance 11 (2005).


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pierre Schori
Pierre Schori