Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'Reflexión do Comandante en Xefe'

Fidel Castro réndelle homenaxe escrita ao Che no seu 40º cabodano

Agradécelle "o que tratou de facer e non puido no seu país de nacemento, porque foi como unha flor arrincada prematuramente do seu talo".

Redacción - 17:30 08/10/2007
Primeira páxina do diario Granma, este 8 de outubro

Primeira páxina do diario Granma, este 8 de outubro

O presidente do goberno cubano, Fidel Castro, rendeulle os seus respectos e expresoulle o seu agradecemento ao revolucionario arxentino Ernesto Che Guevara no 40º aniversario da súa morte en Bolivia, nun artigo publicado este luns no diario Granma.

"Fago un alto no combate diario para inclinar a miña fronte, con respecto e gratitude, ante o combatente excepcional", manifestou Castro, afastado do poder dende hai 14 meses debido a unha severa crise de saúde.

No seu editorial titulado El Che, o líder cubano agradeceulle a Guevara "o que tratou de facer e non puido no seu país de nacemento, porque foi como unha flor arrincada prematuramente do seu talo".

Castro destacou "o exemplo" que lle legou o Che á fronte da columna "que atravesou os terreos pantanosos" en provincias do sueste de Cuba cando loitou na Sierra Maestra, e tomou a central cidade de Santa Clara, onde se celebra este luns o acto de conmemoración polo 40º aniversario.

"Cumpridor de honrosas misións políticas no exterior, mensaxeiro do internacionalismo militante no leste do Congo e en Bolivia, sementador de conciencias na nosa América e no mundo", exaltou respecto do Che Fidel Castro.

Castro, que hai dez anos presidiu a cerimonia de inhumación dos restos do Che en Santa Clara -levados a Cuba tras ser achados en Bolivia-, recoñeceu tamén o labor de Guevara como creador das xornadas de traballo voluntario.

"Deixounos o seu estilo inconfundíbel de escribir, con elegancia, brevidade e veracidade, cada detalle do que pasaba pola súa mente. Era un predestinado, mais el non o sabía. Combate connosco e por nós", agregou.

31º aniversario do atentado contra un avión cubano
Castro tamén recordou que o sábado cumpriuse o 31º aniversario do atentado contra un avión de Cubana de Aviación, que deixou 73 mortos, e que corre o décimo ano do encarceramento de cinco cubanos considerados en Cuba "heroes antiterroristas" e condenados en Estados Unidos baixo cargos de espionaxe.

"Con moita emoción vin e escoitei pola televisión o acto conmemorativo" do atentado, concluíu a última das súas Reflexións, artigos que Castro publica dende o pasado 29 de marzo.


4/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: