Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pobre Mundo Rico

Carlos Gómez Gil afondará nas "contradiccións" no papel social das ONGs

Un labor "pouco analizado", en opinión do sociólogo, que este martes está en nunha nova conferencia do simposio organizado polo Club Internacional de Prensa.

Redacción - 14:00 08/10/2007

Xa ás 17.00, a sala de conferencias do Centro Social Caixanova acollerá a mesa de debate "Fuxindo da pobreza... á desigualdade?". Continúa o Simposio Internacional Pobre Mundo Rico, organizado polo CIP (dependente da Secretaría Xeral de Comunicación), coa intervención do doutor en socioloxía pola Universidade de Alacante e especialista en políticas de Cooperación internacional, Desenvolvemento e Inmigración, Carlos Gómez Gil.

Profesor asociado do Departamento de Análise Económica aplicada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Alacante, é investigador de BAKEAZ (Centro de Documentación e Estudos para a Paz do País Vasco), onde dirixe o seu Programa de Investigación en Políticas de Cooperación e Inmigración. Tamén dirixe o Seminario Permanente e Observatorio da Inmigración da Sede Universitaria "Cidade de Alacante" da Universidade de Alacante e é consultor en temas de inmigración para varias institucións.

Presentou iniciativas ao Congreso dos Deputados en materia de Cooperación Internacional, foi asesor técnico da Secretaría de Estado de Cooperación Internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, e participou no estudo sobre a cooperación ao desenvolvemento das entidades locais da FEMP.

Tamén realizou numerosos estudos e investigacións sobre políticas de Cooperación e Axuda Oficial para o Desenvolvemento, entre os que son salientábeis os traballos sobre a política de cooperación española e os Créditos FAD. Recentemente dirixiu un estudo na universidade de Insbruck (Austria) sobre a débeda externa no Terceiro Mundo, con especial consideración da situación en Latinoamérica.

Foi investigador no Estado de EURODAD (Rede Europea de Investigación en Débeda Externa), con sede en Bruxelas, realizou informes sobre Débeda Externa en España dos anos 1994, 1995 e 1996. Ao mesmo tempo, participou coa Comisión de Cooperación para o Desenvolvemento do Congreso dos Deputados en diferentes labores de asesoramento, e interveu na elaboración do Plan Director de Cooperación Internacional do Goberno Vasco, 2005-2008.

No ámbito da inmigración, ademais de dirixir o Seminario Permanente de Inmigración da Universidade de Alacante, é compoñente da Rede MEDIMIGRA, formando parte do equipo investigador que dende a Universidade de Valencia analizou a situación da inmigración na Comunidade Valenciana por encarga do Comisionado da Inmigración da Generalitat.

Contradicións no papel social das oenegués

O sociólogo tratará o papel das oenegués, e a presenza e significación que acadaron no Estado Español, "a miúdo tan contraditoria como pouco analizada". A análise dos límites e contradicións do papel das organizacións non gobernamentais será o eixo da súa conferencia.

As oenegués están a xerar novos patróns de intervención social, convértense en axentes privilexiados das transformacións xeradas pola globalización, pero xeran ao mesmo tempo tensións e espazos contraditorios de actuación decisivos nos Estados, a economía e a sociedade civil.

Por iso cómpre propiciar un debate, similar ao que se xerou xa noutros países, que permita afrontar os interrogantes abertos pola indiscriminada actuación de moitas oenegués. Aínda reforzou, por veces, a expansión da globalización neoliberal: cada vez máis organizacións espurias se apropian do capital social que este movemento edificou ao seu arredor.

Perspectivas de futuro para a inmigración


"Fuxindo da pobreza... á desigualdade?", a mesa debate das 17.00, será dirixida por Luis Nieto, do Observatorio de Multinacionais en América Latina (OMAL). A división dos inmigrantes en legais e ilegais, e a escravización destes últimos, a feminización da inmigración, e maior vulnerabilidade das mulleres, a presenza dos inmigrantes na economía española e a repercusión do fenómeno migratorio na fisionomía das cidades serán os eixos da súa intervención.

Ibrahima Niang, nacido en Mauritania, creou cun grupo de amigos a Asociación para a Integración e o desenvolvemento do Africano, (A.I.D.A.) que dirixe practicamente dende a súa fundación en febreiro de 1997, e que ofrece servizos de asesoramento a colectivos de inmigrantes africanos e organiza actividades para a difusión da cultura e a realidade deste colectivo.

Traballa como intérprete en xulgados, colexios e hospitais, e tamén é vendedor en feiras. Niang, en representación de A.I.D.A., ofrecerá a súa visión da inmigración a través da súa propia experiencia vital e da da xente coa que colabora decote para facilitarlles a integración no país.

Laura Andrés, representante de Rede Acolle, considera que, atendendo ás políticas públicas de integración, acadar a igualdade das persoas inmigrantes é un obxectivo político acadábel nun prazo non moi longo. Non obstante, a relatora exporá na súa intervención unha serie de elementos e de factores que evidencian disfuncións importantes cando os postulados teórico-políticos se levan á práctica. Laura Andrés apunta tamén que se tende a situar as persoas inmigrantes nos sectores sociais precarios. A desigualdade non é de orixe étnica, senón de clase, e, potenciada polo proceso globalizador, expulsou e expulsará as persoas inmigrantes fóra das marxes do sistema.

Pola súa banda, o secretario xeral da Confederación Galega da Construción, Eugenio Corral, representa á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), e achegará datos sobre os fluxos migratorios que recibimos en Galiza. Analizará tamén a circunstancia particular desta comunidade como zona fronteiriza, suxeita ao fenómeno do traballador que cruza a diario dun país a outro. Tamén dará á súa intervención un enfoque "optimista", na medida en que entende que a interacción cultural, asociada ao fenómeno da inmigración, pode ser un instrumento eficaz para axudar ao progreso dos países emisores de man de obra.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Carlos Gómez Gil ofrecerá unha conferencia ás 20.00
Carlos Gómez Gil ofrecerá unha conferencia ás 20.00
Ibrahima Niang participará na mesa das 17.00
Ibrahima Niang participará na mesa das 17.00