"O cambio en África ten que vir de dentro", propón o analista Matthew Lockwood despois de dúas décadas traballando no continente.
A comparativa que Matthew Lockwood realiza do continente africano cos países do sudeste asiático é moi reveladora. Sinala o analista que os países asiáticos partían hai corenta anos de cifras macroeconómicas moi similares ás da media de países africanos e que, pola contra, conseguiro niveis de desenvolvemento moito máis altos. Na súa opinión, recollida no volume O Estado de África, publicado por Intermón-Oxfam, unha explicación importante para isto é que estes contaban con estados máis sólidos, mesmo antes da etapa colonial.
Lockwood ten a convicción de que isto é un exemplo de que a solución aos problemas de África é máis política que técnica. Na súa reflexión láiase por exemplo de que países como Mozambique reciban axuda para o desenvolvemento que supón até o 50% da súa renda interna, sen que apenas se vexan melloras nos indicadores socioeconómicos. Por isto, advirte de que nin sequera as propostas máis defendidas por colectivos internacionais para a supresión de aranceis e condonación da débeda terán efectividade se non van unidas a un verdadeiro traballo a nivel destes gobernos contra a corrupción e en favor do desenvolvemento económico.